Cuadernos del Laboratorio de Formas de Galicia
Revista bilingüe publicada por Ediciós do Castro a partir de 1970 e da que se editaron sete números. No primeiro deles recolleu traballos de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo sobre as creacións elaboradas polo Laboratorio de Formas, pertencente a Cerámicas do Castro. Os seguintes números foron monográficos; o segundo, titulado “O libro galego a discusión”, de novembro de 1974, incluíu as conclusións do I Seminario encol do Libro Galego con textos de Ramón Piñeiro, Luís Seoane, Fernández del Riego e Ricardo García Suárez; no terceiro, de abril de 1975, titulado “Presencia de Galicia”, aparecen diversas fotografías da fachada de Praterías da catedral e das gárgolas do antigo hospital de peregrinos de Santiago de Compostela; o cuarto reproduce conferencias de Ramón Piñeiro, García-Sabell, Rof Carballo e Rafael Dieste sobre a cultura galega na inauguración da Galería Sargadelos en Madrid. En maio de 1978 lanzou o quinto número titulado “Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos”, coa colaboración de Alonso Montero, Carballo Calero e Basilio Losada, entre outros. O número sexto inclúe as comunicacións do I Seminario Galego do Humor de Carlos Baliñas, Agustín Fernández Paz, Siro López, etc. O número sétimo, de 1994, titulouse “4 notas sobre Luís Seoane cun apéndice fotográfico” e nel participaron Isaac Díaz Pardo, Mª Rosa Uría, Ricardo Palmás e Xosé Díaz.