cuadrante

cuadrante

(< lat quadrante)

  1. s m
    1. [XEOG]

      Cada unha das catro partes iguais nas que os puntos cardinais dividen o horizonte. Na rosa dos ventos ou no compás chámanse, primeiro, segundo, terceiro e cuarto cuadrante, contando desde o N no sentido do movemento das agullas do reloxo.

    2. [DER]

      Cuarta parte na que se divide unha herdanza.

    3. [MAT]

      Cuarta parte dunha circunferencia, ou sexa, un arco de 90°.

    4. [MAT]

      Sector circular correspondente a un cuadrante.

    5. [MAT]

      Cada unha das catro partes en que está dividido un pano por dous eixes de coordenadas rectangulares. Chámanse primeiro, segundo, terceiro e cuarto cuadrante, tomando como primeiro o superior da dereita e contándoos no sentido contrario ás agullas do reloxo.

    6. [ASTRON]

      Cada unha das catro partes nas que queda dividida a esfera celeste superior ao horizonte dividida polo meridiano e polo primeiro vertical. Numéranse dende oriente a mediodía, poñente e setentrión, cos nomes respectivos de cuadrante oriental, pueril ou vernal, cuadrante meridiano, cuadrante occidental, melancólico ou viril, e cuadrante hiemal ou senil.

  2. s m [NUMIS]

    Antiga moeda romana, a máis pequena das de bronce, correspondente a 1/4 do ás, no sistema duodecimal, co valor de tres onzas. No sistema decimal denominouse terencius. No anverso tiña gravada a efixie de Hércules e no reverso unha proa de nave.

  3. s m [METROL]

    Instrumento empregado antigamente para determinar a altura dun astro sobre o horizonte. O máis primitivo consistía nun cuarto de círculo graduado provisto de pínnulas nun dos lados do ángulo recto, para visualizar o astro, e dunha chumbada, fixada ao centro do ángulo polo extremo libre da corda, que serve de índice.

  4. cuadrante solar [METROL]
    1. Nas civilizacións antigas situadas nos trópicos, instrumento en forma de cuarto de círculo co que se calculaba a altura do Sol sobre o horizonte para establecer as horas do día. OBS: Tamén se emprega só cuadrante.

    2. Calquera instrumento que sinale as horas, particularmente o reloxo de sol. Neste último caso recibe diversos cualificativos de acordo coa orientación. Nos casos de cuadrantes verticais achegados a un muro ou a unha parede orientada paralela ou perpendicularmente ao meridiano, o cuadrante denomínase occidental, oriental, meridional ou setentrional, segundo o punto cardinal cara ao que está orientado. En caso doutra orientación denomínase cuadrante declinante. Cando se coloca paralelo ao ecuador co gnomon orientado segundo o eixe da Terra denomínase cuadrante ecuatorial. OBS: Tamén se emprega só cuadrante.

  5. plano do cuadrante [METROL]

    Superficie do reloxo de sol na que están escritas as liñas horarias e onde se fixa o estilo ou gnomon.

  6. polo do cuadrante [METROL]

    Punto onde se fixa o gnomon, que corresponde sempre ao polo celeste.