cuarteta
(< ital quartetta)
Composición estrófica formada por catro versos especialmente heptasílabos, isométricos ou plurimétricos, con dúas rimas consonantes de disposición encadeada, abab, ou cruzada abba. Nun sentido máis estricto, refírese a unha estrofa de catro versos de arte menor que riman en consonante. Segundo as distintas combinacións da rima recoñécese a redondilla cruzada, que establece unha rima alternada entre o primeiro e o terceiro verso, e o segundo e o cuarto; a cuarteta imperfecta, na que só riman os versos pares; e a cuarteta asonantada, que emprega a rima asonante. Molde métrico de longa tradición, na Península Ibérica documéntase xa nas kharxas hispano-hebreas dos ss XI e XII, e na lírica galego-portuguesa dos ss XII e XIII. Posteriormente, empregouse nas cantatas, na poesía satírica e burlesca, nos epigramas ou nos sainetes. Na literatura galega cultivárona desde Rosalía de Castro ou Curros Enríquez, ata Celso Emilio Ferreiro, Darío Xohán Cabana ou Anxo Quintela. Tamén se denomina copla ou cantar.