Cuba, guerras de

Cuba, guerras de

Nome xenérico que se aplica ás guerras pola independencia cubana que tiveron lugar entre os anos 1868 e 1898.
Guerra dos Dez Anos (1868-1878)
A insurrección independentista, favorecida pola Revolución de Setembro na metrópole, comezou o 10 de outubro de 1868 co “Grito de Yara” en La Demajagua, unha plantación propiedade de Carlos Manuel de Céspedes. A rebelión estendeuse aos distritos de Oriente e Camagüey, encabezada por Ignacio Agramonte e Manuel Quesada. O 6 de febreiro de 1868 tivo lugar un novo levantamento na rexión de Las Villas. No Congreso constituínte de Camagüey, celebrado en febreiro 1869, o goberno de Cuba promulgou unha Constitución coa que abolía a escravitude. Céspedes, presidente da República insurrecta, foi destituído en outubro de 1873 tras unha polémica sesión na Cámara de Representantes, que denotaba o conflito nas forzas insurxentes, e foi substituído por Salvador Cisneros Betancourt. O apoio norteamericano e as dificultades do goberno español, inmerso na Guerra Carlista, déronlle novas forzas ao movemento insurreccional. Antonio Maceo e Máximo Gómez acadaron importantes éxitos militares e estenderon a insurrección polo resto da illa. A fin da Guerra Carlista posibilitou o envío dunha tropa de 20.000 homes comandados polo xeneral Martínez Campos que forzaron as negociacións de paz, plasmadas na sinatura da Paz de Zanjón o 10 de febreiro de 1878. Cuba converteuse nunha provincia española máis, con gobernadores civís, deputados en Madrid e deputación provincial.
Guerra Chiquita
Sublevacións que tiveron lugar entre a sinatura da Paz de Zanjón (1878) e o inicio da Guerra da Independencia cubana (1895). Calixto García Íñiguez contactou co comité revolucionario cubano en EE UU, liderado por Martí, e organizou unha expedición que desembarcou en Baracoa (1879) e se uniu ás forzas sublevadas en Oriente, lideradas por Maceo, Bandera e Moncada. Intentaron, sen éxito, propagar a revolución polo resto da illa. Outras tentativas tiveron lugar en Las Villas, Manzanillo e Punta Caletas, que foron rapidamente sufocadas e con pouco apoio popular.
Guerra Grande ou da Independencia
Iniciada co “Grito de Baire” (24.2.1895). Anos antes, en 1892, Martí fundou en Nova York o Partido Revolucionario Cubano, que agrupaba e coordinaba o exilio cubano e contactaba coa oposición interior en Cuba nun intento de conseguir o apoio da poboación da illa na loita pola independencia. A insurrección estendeuse pola illa en 1895 e comezou a chegada de líderes rebeldes como José Maceo, José Martí e Máximo Gómez. O 16 de abril Gómez nomeou a Martí xeneral maior do exército de liberación, pero o 19 de maio Martí morreu abatido por soldados españois en Dos Ríos e converteuse en emblema da independencia do pobo de Cuba. O 11 de setembro, a Asamblea constituínte nomeou presidente a Salvador Cisneros Betancourt e votou unha constitución democrática. Martínez Campos foi substituído por Weyler, quen aplicou procedementos sumamente criticados. Os conflitos bélicos (en Cuba e Filipinas) e o apoio dos EE UU aos rebeldes exiliados forzaron o goberno español a conceder a autonomía para Cuba, pero a medida xa resultaba tardía. A voadura do Maine (16.2.1898), acoirazado enviado á illa polo goberno estadounidense baixo pretexto de protexer os seus súbditos, deu comezo á guerra hispano-norteamericana. Despois da derrota naval de Santiago de Cuba (3.7.1898), España asinou o Tratado de París (10.12.1898), polo que renunciou a Cuba, que foi ocupada por EE UU ata 1902, aínda que coa emenda Platt tiveron dereito de intervención ata 1934.