Cubí i Soler, Marià

Cubí i Soler, Marià

Médico. Trasladouse en 1821 a América, concretamente a EE UU, México e Cuba. Alí deu clases e publicou un texto sobre gramática española. No país caribeño fundou a Revista y repertorio bimestre de la Isla de Cuba. En Nova Orleáns tomou contacto con médicos norteamericanos e adheriuse ás súas ideas sobre a frenoloxía. Decidiu regresar en 1842 a España para espallar a nova doutrina creada por Franz Joseph Gall (1758-1828) e Johann Christoph Spurzheim (1776-1834), que defendía que as “facultades da alma” son innatas e están localizadas no cerebro nunha área específica; e que o tamaño e forma do cerebro miden a capacidade mental que se manifestan na superficie exterior do cranio, do que se deduce o interese do seu exame para coñecer a personalidade dun individuo. Tentou tamén incorporar algunhas novidades procedentes de novas disciplinas, como o magnetismo de Mesmer e a fisiognómica de Lavater. Ofreceu numerosas conferencias e publicou varios textos, feito que lle causou algunhas críticas, sobre todo dos sectores máis tradicionalistas do catolicismo, como lle aconteceu en Galicia. Impartiu cursos en Lugo e A Coruña e marchou a Santiago de Compostela, onde o doutor en Teoloxía Antonio Severo Borrajo o denunciou perante o tribunal eclesiástico polas doutrinas expostas, xa que a frenoloxía negaba o pecado orixinal, apoiaba o panteísmo e afirmaba que os xesuítas tiñan arelas de dominio mundial. O tribunal eclesiástico compostelán emitiu unha orde de arresto e tivo que permanecer agochado na cidade herculina. Alí redactou e publicou o libro Refutación completa de los cargos que hace el Dr. en Sagrada Teología D. Antonio Severo Borrajo a las lecciones y obras sobre Frenología y Magnetismo de D. Mariano Cubí y Soler como anti-religiosas, anti-morales y anti-sociales (1847). O proceso tivo un amplo eco e utilizouse na disputa sobre o papel da Igrexa na sociedade civil e no ámbito das actividades científicas. Obtivo certo éxito sobre todo na Coruña e Lugo, onde acadou unha recepción positiva, segundo consta na Polémica religiosa-frenológica-magnética sostenida ante el tribunal eclesiástico de Santiago (1848).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Malgrat

  • Deceso

    Lugar : Barcelona