Cubillos del Sil
Cubillos del Sil
Municipio da comarca do Bierzo, adscrito á provincia de León e á Comunidade Autónoma de Castela e León (1.539 h [1996]). O termo municipal inclúe as parroquias de Cabañas de la Dornilla, Cubillinos, Cubillos del Sil, Finolledo, Fresnedo e Posadina. O río Sil, que constitúe o límite oriental do concello, forma neste sector o encoro de Bárcena, que baña tamén os concellos de Ponferrada (onde está a presa) e de Congostro. A principal empresa do municipio é a central térmica de Compostilla, inaugurada en 1949, que se abastece do carbón extraído nas minas da comarca. Do seu patrimonio cultural destaca a igrexa parroquial (ss XVI-XVII), con retablos e lenzos barrocos no seu interior.