cubismo

cubismo

(

  1. s m [ARTE]

    Movemento artístico de vangarda que se desenvolveu entre 1907 e 1914 e que se estendeu durante a década dos vinte. Rompeu coa idea da arte como imitación da natureza que dominaba as artes plásticas europeas dende o Renacemento. Tivo como principais achegas a nova interpretación do espacio, a renovación das técnicas e o uso dunha linguaxe formal xeometrizante. O nome de cubismo foi adoptado polo crítico Louis Vauxcelles nun escrito sobre unha exposición de Braque na galería Kahnweiler, que apareceu na revista Gil-Blas o 14 de novembro de 1908. Despois, o nome xeneralizaríase. As influencias principais que recibiron os cubistas foron a arte de Cézanne, de quen se celebrou en París unha exposición antolóxica en 1907, e a arte primitiva africana, polinesia e ibérica. Xunto a estas influencias de carácter artístico cómpre destacar tamén o coñecemento dos avances e descubrimentos científicos nos eidos da óptica, da física e da química, en especial o novo concepto de espazo e de tempo nacido trala teoría da relatividade de Einstein (1905). Os iniciadores do cubismo foron Pablo Picasso e George Braque. Distínguense dous períodos na evolución do cubismo: o analítico e o sintético, aos que se unen a derivación barroca de Juan Gris antes de 1927 e a obra de Léger, Andre Lhote, Roger de la Fresnaye e algúns movementos, como o orfismo, o simultanismo e o purismo. As primeiras obras cubistas, Les demoiselles d’Avignon (As señoritas de Aviñón, 1907), as paisaxes da Horta de Sant Joan (1909) de Picasso, reflectiron con maior claridade a influencia de Cézanne na tendencia á xeometrización e á simplificación, xunto coa influencia primitivista. O período analítico (1910-1911) someteu os obxectos a un proceso de descomposición no que o motivo era reconstruído mentalmente polo espectador; a isto engadíuselle a presencia virtual da cuarta dimensión ao presentar as obras en espacio-tempo e o uso das cores apagadas. Neste período dominaron as gamas cromáticas pardas, sienas, grises e azuis escuras. En 1911, o Salon des Indépendants dedicoulles unha sala aos cubistas pero non contou con obras nin de Picasso nin de Braque, que se reuniron en Céret (Vallespir). O período sintético (1912-1914) valorou a ordenación intelectual das obras de xeito que predominasen os equilibrios compositivos á estruturación formal, á utilización dun tipo de cor máis forte que a do período anterior e á introdución nas pinturas de letras e recortes de periódicos. Estas nocións definiunas Apollinaire en 1913 ao afirmar que a pintura non é unha arte imitativa senón unha arte conceptual. Dende o punto de vista técnico foi fundamental a aplicación, desde 1912, das colaxes. Considérase a Naturaleza muerta con silla de rejilla (1912) de Picasso como a primeira colaxe. De xeito paralelo, Braque realizou os papiers collés (papeis pegados). Este período supuxo a ampliación do grupo dos cubistas. En 1912 reuniuse preto de París un grupo formado polos novos artistas achegados ao cubismo que formaron o Grupo de Puteaux ou a Section d’Or. Entre eles figuraban Gleizes e Metzinger, que publicaron o ensaio Du cubisme (Sobre o cubismo, 1912) coa finalidade de explicar os fundamentos da nova vangarda. A achega teórica máis salientable do cubismo foi Les peintres cubistes (Os pintores cubistas, 1913), de Guillaume Apollinaire, na que facía un resumo da situación do cubismo e expoñía suposicións sobre o futuro. Trala Primeira Guerra Mundial, Picasso e Braque foron abandonando os postulados cubistas. Fernand Léger cultivou unha linguaxe cubista a partir das formas cilíndricas (tubismo) na que pretendeu captar a civilización industrial. Robert Delaunay desenvolveu un cubismo sintético que Apollinaire denominou órfico e que se baseou nas asociacións de diversas imaxes unidas polos planos de cor. O cubismo foi un fenómeno cultural con amplas repercusións na literatura, na música, na escenografía, nas artes decorativas e na arquitectura, sobre todo a través de Le Corbusier, creador do purismo e autor do texto teórico Après le cubisme (Despois do cubismo, 1918).

  2. s m [LIT]

    Movemento literario de vangarda que ten a súa orixe na pintura. Cultivado no s XX, acadou o seu principal desenvolvemento entre os anos 1917 e 1920 da man dun grupo de escritores franceses, entre os que figuran Max Jacob, André Salmon e Guillaume Apollinaire, principal animador do grupo e teórico do movemento. Posteriormente, adoptaron os principios cubistas poetas como Pierre Reverdy, Blaise Cendrars e Jean Cocteau. A expresión “cubismo literario” apareceu por primeira vez en 1912, nun artigo de Georges Polti publicado na revista Horizon. En 1916, outro poeta do grupo, Paul Dermée, empregouno como título da súa análise da obra de Max Jacob; e en 1917, o crítico Frédéric Lefèvre en La nouvelle poesie française (A nova poesía francesa), polo que quedou definitivamente cuñado. A estética cubista pretendeu na literatura, ao igual ca na pintura, conxugar a percepción sensorial dun obxecto coa súa captación intelectual. Diríxese á intelixencia do receptor, non aos sentidos, mediante a descomposición das formas naturais en formas xeométricas. Concibe o poema como un obxecto artisticamente autónomo caracterizado pola sucesión de impresións descontinuas a partir da mestura de conceptos, imaxes, palabras, etc; a supresión de nexos lóxicos e de continuidade temporal, que implica a presentación simultánea de presente e pasado; o antisentimentalismo; o antipatetismo; o sentido lúdico da existencia, que introduce o humor amodo de contrapeso á monotonía do cotián; a carencia de liña argumental, substituída pola xuxtaposición de anécdotas sen relación causal nin lóxica aparente e alusións frecuentes a conceptos lineais e espaciais. No plano formal, a súa proposta parte da premisa vangardista de superación das técnicas herdadas da tradición: supresión de certas normas ortográficas, como a puntuación; sintácticas, como a eliminación dos nexos que unen os diferentes períodos; e métricas. Empregan onomatopeas, xogos de palabras sen sentido aparente, paradoxos, disposicións tipográficas anovadoras que teñen como modelo os Calligrames (1918) de Apollinaire, ou distorsións gramaticais que seguen a fórmula da descomposición e recomposición das formas naturais, practicadas na pintura cubista. O cubismo literario francés coincidiu en boa medida cos postulados do creacionismo. En España, a súa pegada advertiuse particularmente na obra de Gerardo Diego, Jorge Guillén e Luis Cernuda. No panorama literario galego deuse a coñecer no marco dunha polémica entre simpatizantes e detractores. A súa influencia tense sinalado nalgúns recursos e imaxes empregados por Álvaro Cunqueiro, sobre todo no poemario Mar ao Norde (1932), e na obra de Manuel Antonio.

Palabras veciñas

Cubillos del Sil | cubilón | cubilote | cubismo | cubista | cubital | cúbito