cugulo

cugulo

(< lat cucullu ‘carapucha’)

  1. Roedor da familia dos cávidos, duns 22 a 30 cm de lonxitude, corpo groso e cabeza grande. Engloba tres xéneros distintos: Galea, Kerodon e Microcavia. O xénero Galea, no que se distinguen tres especies -Galea flavidens, Galea musteloides e Galea spixii- vive en hábitats moi diversos de América do Sur e caracterízase por ter unha pelaxe parda coas partes inferiores branco-agrisadas. O xénero Kerodon, ao que só pertence unha especie, a Kerodon rupestris, tamén denominada cavia roquera, vive en formacións rochosas ou matogueira espiñosa no nordés de Brasil e presenta unha pelaxe gris, con partes en branco e negro; o pescozo é branco, o ventre branco-amarelento e a grupa e os muslos arrubiados. Os animais do xénero Microcavia, tamén coñecidos como cuis chicos, inclúen tres especies: Microcavia australis, Microcavia niata e Microcavia shiptoni. Viven nas rexións áridas de Arxentina e Bolivia, cunha áspera pelaxe que varía entre a cor parda e agrisada.

  2. s m

    Parte do contido dunha medida de áridos que sobresae dos bordos do recipiente que a contén.

    Ex: O muiñeiro sempre enchía a maquía con cugulo. Pasoulle o rebolo á tega de feixóns para quitarlle o cugulo.

  3. s m

    Parte interna e central dun palleiro onde se concentra e compacta a palla.

    Ex: A chuvia mollou o palleiro ata o cugulo.

Frases feitas

  • A cugulo. De forma que o contido sobresaia polos bordos do recipiente que o contén. Ex: Botoulle dúas culleriñas de azucre a cugulo.