cui

cui
s m [ANIMAL]

Roedor da familia dos cávidos, duns 22 a 30 cm de lonxitude, corpo groso e cabeza grande. Engloba tres xéneros distintos: Galea, Kerodon e Microcavia. O xénero Galea, no que se distinguen tres especies -Galea flavidens, Galea musteloides e Galea spixii- vive en hábitats moi diversos de América do Sur e caracterízase por ter unha pelaxe parda coas partes inferiores branco-agrisadas. O xénero Kerodon, ao que só pertence unha especie, a Kerodon rupestris, tamén denominada cavia roquera, vive en formacións rochosas ou matogueira espiñosa no nordés de Brasil e presenta unha pelaxe gris, con partes en branco e negro; o pescozo é branco, o ventre branco-amarelento e a grupa e os muslos arrubiados. Os animais do xénero Microcavia, tamén coñecidos como cuis chicos, inclúen tres especies: Microcavia australis, Microcavia niata e Microcavia shiptoni. Viven nas rexións áridas de Arxentina e Bolivia, cunha áspera pelaxe que varía entre a cor parda e agrisada.