Culleredo, Santo Estevo de
Igrexa parroquial situada no lugar de Tarrío, en Culleredo, polo que recibiu tamén o nome de Santo Estevo de Tarrío. Conserva a fábrica medieval gótica pero con certa tradición románica. Segundo unha inscrición do tímpano da porta de acceso, contruíuse no s XII. Ten planta rectangular dunha soa nave con cuberta de madeira e unha ábsida rectangular que se cobre cunha bóveda de canón apuntada, reforzada por un arco faixón. Tanto o arco faixón coma o triunfal descansan en columnas entregadas con bases áticas e capiteis robustos de decoración estilizada. No interior da nave e da ábsida consérvanse restos de pinturas murais do s XVI que representan o martirio de santo Estevo e escenas do ciclo da Paixón. No exterior destaca a portada occidental cunha porta abucinada rematada en dúas arquivoltas de medio punto que descansan en columnas acobadadas. As bases presentan un perfil de características áticas e adórnanse con flores de lis. Os capiteis teñen proporcións e decoración góticas, con monstros que morden un rostro con barbas, animais que parecen coellos colocados de forma simétrica, a loita de dous dragóns e grandes follas espiñentas. Na parte inferior do tímpano aparece un talo ondulante do que parten, de forma alternada, unhas follas campaniformes estilizadas. No lintel figura unha cruz flordelisada sobre un fondo de relevos rectos e angulosos entrecruzados. O tímpano está sostido por dúas machetas que representan dúas figuras humanas vestidas con longas túnicas. A portada enmárcase en dous contrafortes prismáticos e un tornachuvias.