Cumaná
Capital do estado de Sucre, Venezuela (232.228 h [1992]). Os terremotos destruíron varias veces a cidade, que está actualmente á beira do río Manzanares, estendida cara ao golfo de Cariaco. A principal actividade económica é a pesca, cun gran movemento comercial no seu porto. A industria conserveira adquiriu relevancia nos últimos anos, principalmente o enlatado de sardiña e atún. Tamén destacan as actividades agrícolas, como o cultivo de café, o cacao e as froitas tropicais. A rexión foi explorada por Pedro Alonso Niño e Cristóbal Guerra (1499-1500), aínda que o primeiro establecemento de carácter misioneiro data de 1515. En 1521 Gonzalo de Ocampo fundou Nueva Toledo. O definitivo asentamento da cidade foi obra de Diego Fernández de Serpa (1568), quen lle outorgou o nome de Cumaná. A rexión foi poboada en gran parte por canarios, condición imposta pola monarquía hispánica (1718) para que o arquipiélago canario comercializase con sete portos americanos. Iniciou o movemento independentista no ano 1810. Do seu patrimonio cultural destacan os castelos de San Antonio de la Eminencia (s XVII) e o de Santa María de la Cabeza e a igrexa de Santa Inés (1637).