cúmulo

cúmulo

(

  1. s m

    Gran cantidade de cousas.

    Ex: Os xornais ofreceron un cúmulo de noticias sobre o suceso. Tiña na mesa un cúmulo de papeis. Producíronse un cúmulo de circunstancias adversas que provocaron o accidente. En pouco tempo só dixo un cúmulo de sandeces.

    Sinónimos: acumulación, amoreamento, montón.
  2. s m [METEOR]

    Nube branca de orixe convectiva producida pola ascendencia de masas de aire por mor do quentamento da superficie terrestre pola radiación solar. De contorno definido, ten formas arredondadas con moitas protuberancias na parte superior e é plana na inferior.

  3. cúmulo de estrelas [ASTRON]

    Agrupamento de estrelas que contén desde cincuenta ata millóns de elementos que, na maioría dos casos, tiveron a mesma orixe. Hai dous tipos claramente diferenciados: cúmulos abertos e cúmulos globulares. Os cúmulos abertos ou galácticos están constituídos normalmente por uns cantos centenares de estrelas distribuídas nunha rexión do espazo duns vinte anos luz de diámetro e presentan un movemento común. O cúmulo galáctico máis próximo é o das Híadas, na constelación de Tauro, a 130 anos luz do Sol. Os cúmulos globulares están constituídos por un número de estrelas que oscila entre milleiros e millóns, distribuídas nunha rexión do espazo duns 200 anos luz, e ocupan un volume esférico que presenta unha maior concentración no centro. Os máis próximos ao Sol son ω de Centauro e 47 Tucanae.

  4. cúmulo de galaxias [ASTRON]

    Conxunto de galaxias que presentan unidade de orixe e de movemento. A observación demostra que as galaxias están uniformemente repartidas en todo o Universo coñecido; pero, a miúdo, rómpese localmente esta homoxeneidade e fórmanse conxuntos de galaxias que se recoñecen por unha maior proximidade e por ter algún tipo de movemento común. Estas asociacións teñen un número de compoñentes que oscila entre un par e milleiros de galaxias, e estas poden ser de distintos tipos e magnitudes. A Vía Láctea pertence a un pequeno cúmulo irregular, o Grupo local. O cúmulo meirande máis próximo é o cúmulo de Virgo. Os cúmulos próximos agrúpanse formando supercúmulos.

Palabras veciñas

cumprimenteiro -ra | cumprimento | cumprir | cúmulo | cumulonimbo | cun | cuna