Cunhal, Álvaro Barreirinhas

Cunhal, Álvaro Barreirinhas

Político portugués. En 1931, afiliouse ao Partido Comunista Português (PCP) cando era estudante de dereito en Lisboa e, en 1935, foi elixido secretario xeral das xuventudes do partido. Debido ás súas actividades políticas na clandestinidade durante a ditadura de Salazar (en 1936 entrou a formar parte do Comité Central do partido), foi apresado en numerosas ocasións: a primeira entre 1937 e 1938, a segunda en 1940 e a derradeira entre 1949 e 1960, data en que logrou fuxir da prisión para partir cara ao exilio. En 1961 foi elixido secretario xeral do PCP, cargo que permanecía baleiro dende 1942, e o seu mandato renovouse ata 1992. En 1974, tras a Revolução dos Cravos, regresou a Portugal. Entre 1974 e 1975 foi ministro sen carteira e en maio de 1977 abandonou o seu escano no Parlamento. Foi membro do Conselho de Estado dende 1982. As súas intervencións públicas están recollidas en Discursos políticos (1974). Ademais, é autor de obras de teoría marxista como A luta popular de massas, motor da revolução (1965), A questão do estado questão central de cada revolução (1967) ou O internacionalismo proletário (1975). Tamén publicou obras de investigación histórica, como As lutas de classes em Portugal nos fins da Idade Média (1975) ou A revolução portuguesa: o passado e o futuro (1976). Baixo o pseudónimo de Manuel Tiago escribiu novelas como Até amanhá, camaradas (1974), Cinco días, cinco noites (1975), A estrela de seis pontas (1994) ou Fronteiras (1998).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Coimbra

  • Falecemento

    Lugar : Lisboa