cuplé
(< fr couplet ‘copla’)
Canción breve e de contido normalmente erótico que gozou de gran popularidade no primeiro terzo do s XX en teatros e noutros espacios nos que se ofrecían espectáculos teatrais e musicais. Caracterízase pola súa intencionalidade maliciosa, derivada tanto da xesticulación, entre inocente e sensual das intérpretes, como dos dobres sentidos das letras que case sempre agochan unha interpretación de orde erótica ou directamente sexual. Entre outras cupletistas, foron moi populares na época Raquel Meller, Pastora Imperio, La Goya, Conchita Piquer e Olga Ramos. Nos anos trinta, deixou paso á revista e á canción de varietés, pero púxose novamente de moda na década dos cincuenta, durante a ditadura franquista, da man de cantantes como Sara Montiel. Exemplos de cuplés son os coñecidos Tápame, con letra de Francisco Yust e música de Ricardo Yust; La violetera, con letra de Eduardo Montesinos e música de José Padilla; Las tardes del Ritz, con letra de Retana e música de G. Monreal; ou Fumando espero, con letra de Félix Garzo e música de Joan Viladomat. No cine destaca o filme El último cuplé (1957), de Juan de Orduña, interpretado por Sara Montiel.