Curaçao

Curaçao

Illa das Antillas Neerlandesas (baixo a soberanía dos Países Baixos), no grupo das illas de Sotavento, no mar das Antillas (444 km2; 152.700 h [estim 1996]). A capital é Willemstad. Situada fronte á costa venezolana, o seu relevo é chairo e goza dun clima tropical seco. A poboación, na que o elemento étnico maioritario é de orixe africana (90%), dedícase á agricultura e á industria petroquímica. Tamén, pola súa situación caribeña, constitúe un importante centro turístico, frecuentado especialmente por cidadáns da súa metrópole colonial. A illa foi descuberta por Alonso de Ojeda (1499) e colonizada polos españois. En 1634 pasou a depender dos holandeses e, trala ocupación británica de 1798, os holandeses recuperárona en 1814.