curandeirismo

curandeirismo

(< curandeiro)

Actividade ou conxunto de prácticas dos curandeiros. Ten sido unha das prácticas máis estendidas da medicina popular. Tradicionalmente, tratábanse as enfermidades -que se atribuían a procesos naturais, ao frío, á calor, e tamén á bruxería- con fármacos, pero tamén cunha gran variedade de obxectos e plantas. Conviven na Europa rural tres sistemas médicos: a biomedicina, a medicina humoral e a medicina bruxo-relixiosa. A tradición occidental, coma outras moitas, distingue entre enfermidades naturais e enfermidades sobrenaturais. Esta últimas débense á acción das bruxas e cúranse por medios relixiosos, mentres que as naturais se deben a causas fisiolóxicas. Pouco a pouco, a medicina científica foi desprazando case completamente a antiga medicina natural, baseada na teoría dos catro elementos e dos catro humores. A medicina humoral só se conserva naquelas zonas que, coma Galicia, teñen unha limitada presenza da biomedicina. Tanto a medicina sobrenatural coma a medicina natural son complementarias. Esta última comprende dous sistemas: o humoral e o científico (o primeiro está desaparecendo a prol do segundo). Pola contra, a medicina sobrenatural segue vixente e con moita forza. A medicina bruxo-relixiosa ocúpase das enfermidades que non son competencia dos médicos: as enfermidades somáticas incurables e, sobre todo, as enfermidades psíquicas e psicosomáticas; a natural, das enfermidades somáticas, popularmente coñecidas como “enfermidades de médicos”.
A medicina humoral
A medicina hipocrática susténtase na concepción da natureza vixente en Europa dende a Antigüidade ata o s XVIII. Na base desa concepción está a doutrina dos catro elementos -terra, auga, aire e lume-, que representan os tres estados da materia -sólido, líquido e gasoso- e o elemento transformador da mesma. Ligadas aos catro elementos están as catro calidades: quente, frío, seco e húmido. Así, o lume é quente, ao igual ca o aire, pola súa condición de gas, pois os sólidos e os líquidos transfórmanse en gases mediante a calor. En cambio, a terra e a auga son frías. En canto á sequidade, a auga é húmida e tamén é húmido o aire, por ser como un vapor, mentres que o lume e a terra son secos. Ao referirse ao corpo humano, os médicos hipocráticos, máis que dos catro elementos, falan dos catro humores, ou sexa, das catro substancias corporais máis parecidas á terra, á auga, ao aire e ao lume. Eses humores son a bile negra (atrabile e melancolía), a flegma, o sangue e a bile (bile amarela e cólera). Asocian a bile negra co bazo, víscera entre parda e negra, coma a terra; a flegma, co líquido acuoso que sae polo nariz e que procede -segundo a súa crenza- do cerebro; o sangue, co aire, porque o transporta dende os pulmóns ao corazón e deste a todo o corpo para refrixeralo; a bile, é dicir, o líquido que se acumula na vesícula biliar co lume pola súa cor amarela. Os humores non permanecen inmutables ao longo da vida dunha persoa; o corpo consómeos e logo rexenéraos a partir dos alimentos. Estes sofren unha primeira cocción no estómago. Logo, o quilo vai ao fígado, onde se produce unha segunda cocedura ou destilación, pois a calor separa os humores que contén: o máis denso, atrabile, vai ao bazo; o máis lixeiro, a bile, vai á vesícula biliar; o intermedio, o sangue, distribúese polo corpo. Ese proceso non se produce sempre do mesmo xeito, pois varía co temperamento da persoa e as circunstancias ambientais. Así, por exemplo, unha persoa de natureza cálida producirá máis cantidade de humor cálido. Os factores ambientais (a situación xeográfica, os ventos e as estacións do ano) son os que inflúen na temperatura e na humidade en cada momento. Tamén inflúen os astros porque, ao estaren compostos polos mesmos catro elementos, actúan sobre as plantas, os animais e sobre o corpo humano. Así, Marte, clasificado entre os planetas quentes pola súa cor de lume e a súa proximidade ao Sol, favorece a produción de cólera. En cambio, a Lúa, fría e húmida coma a auga sobre a que exerce a súa acción -segundo mostran as mareas-, incrementa a flegma. Unha persoa cos catro humores en perfecto equilibrio mantense sa. Por contra, enferma cando ese equilibrio se rompe, debido á acción de axentes externos (dieta, ventos, estacións do ano e clima local) ou ás características intrínsecas de cadaquén (temperamento, idade e sexo). O exceso de humores provoca enfermidades que dependen do tipo de humor e tamén do lugar onde ese exceso humoral se asente, que adoita ser o membro máis débil do corpo do enfermo. En realidade, todas as enfermidades causadas por un mesmo humor son unha soa enfermidade; só varía o nome segundo o lugar onde o exceso de humor se acumula. A curación prodúcese cando se logra restablecer o equilibrio humoral. Na maioría dos casos a mesma natureza se encarga desa misión, por medio de purgas naturais, como a menstruación, os fluxos de sangue hemorroidais e os vómitos. Nos casos graves hai que axudar a natureza; en primeiro lugar, cambiando de dieta. O enfermo debe inxerir alimentos, facer exercicios e tomar baños que xeren humores contrarios aos causantes da doenza. Se o desequilibrio se mantén, hai que recorrer aos fármacos e á cirurxía. Entre os medios cirúrxicos destacan a incisión e a sangría, que serven para eliminar do corpo os humores nocivos. Os fármacos principais son os purgantes, substancias de natureza cálida que, coa súa calor, dilatan as vías de saída das purgas naturais e favorecen as evacuacións; e os astrinxentes, que, contrariamente, co seu frío, cerran as vías de saída nos casos nos que o enfermo padece unha excesiva perda de humores. Cómpre ter en conta, ademais, que tanto a dietética como a farmacopea hipocráticas se basean nas calidades naturais das substancias (calor, frío, humidade e sequidade). Asignáronlles as calidades ás plantas, carnes e minerais, en función das súas propiedades, especialmente polo sabor. A atrabile, ou sexa, o humor do bazo, é ácida; a flegma, coma a auga, insípida; o sangue, doce; e a bile, amarga. Xa que logo, os médicos hipocráticos consideraron as plantas amargas, quentes e secas, coma a bile; as ácidas, frías e secas, coma a atrabile; as insípidas, frías e húmidas, coma a flegma; e as doces, quentes e húmidas, coma o sangue. Polo tanto, os médicos hipocráticos do sabor deducían as calidades das plantas, e a partir destas, a súa utilización. Non obstante , nalgúns casos (como acontecía coas plantas tóxicas e as plantas con signos) desestimaron o sabor. Deste xeito, incluíron entre os eméticos as plantas tóxicas que producen vómitos, independientemente do seu sabor. De moitas plantas deduciron as súas propiedades curativas baseándose á súa semellanza formal. Así, unha das plantas medicinais máis coñecidas en Galicia, a soldaconsolda, emprégase para soldar os ósos porque cada ano bota un novo brote que parece estar soldado ao anterior; a consolda cura as feridas porque as follas nacen como soldadas ao talo; a herba viperina serve de antídoto contra a picadura da víbora porque a súa semente se parece á cabeza dese animal, e a herba das almorrás debe a súa utilización a que ten unhas raíces ensanchadas a xeito de tuberosidades semellantes ás hemorroides externas. As aplicacións das plantas medicinais en Galicia concordan coas da medicina humoral. Así, por exemplo, xa Dioscórides recomenda a abeloura, para curar as feridas e queimaduras; a póutega, como astrinxente; a chantaxe maior, contra as diarreas; a herba dos carpinteiros, para curar as feridas; a cebola das gaivotas, como vomitivo; e a herba punteira, para as cortaduras e as frieiras. Descubertos os principios nos que se fundamenta, dificilmente se pode soster que a medicina humoral realmente cure. Certamente, hai un par de plantas que si teñen algunha das virtudes apuntadas polos médicos hipocráticos, como a herba da cura que mitiga a dor (aínda que non arrefría unha febre nin unha queimadura), pero o conxunto non responde a principios compatibles coa ciencia moderna. A medicina humoral é unha forma de filosofía. É, ademais, a parte correspondente á bioloxía e á medicina dunha concepción do mundo (que perviviría durante moitos séculos) que considera o Universo formado polos mesmos catro elementos e dividido en macrocosmos, cosmos e microcosmos permanentemente relacionados. De feito, as estrelas e os planetas inflúen nas plantas, nos animais e nos minerais, e todos inflúen nas persoas, porque toda a realidade está composta polos mesmos elementos. Esta concepción do mundo supuxo, sen dúbida, a elaboración máis complexa ideada polo home antes da ciencia moderna.
A medicina bruxo-relixiosa
Na medicina relixiosa a enfermidade forma parte do Mal e, polo tanto, da bruxería, como demostra o propio nome de moitas doenzas: mal de ollo, mal de aire e mal de bocado. Como o Mal está encarnado polo demo e as bruxas, téñenselle atribuído ao demo e ás bruxas as enfermidades sobrenaturais. A enfermidade é un demo ou unha bruxería que entra no corpo. Precisamente, o xeito de entraren dálles nome ás enfermidades máis tipicamente propias de bruxas. Se o espírito maléfico entra no corpo da víctima nunha comida, a doenza chámase mal de bocado; se se vale dun contacto persoal, mal de contacto; se o fai por medio do alento, mal de aire; e se se entra a través dos raios visuais, mal de ollo. Polo tanto, o seu nome alude simplemente ao medio de contaxio suposto. Ademais, estes males presentan síntomas ben diferentes e non se corresponden con enfermidades concretas. Como o mal o provoca un espírito maléfico que penetra na víctima, a curación consiste en expulsalo, feito que supón escorrentar o mal do corpo do paciente. Nos ensalmos case nunca falta este aspecto. Moitos ensalmos indican a qué lugar se expulsa o Mal. Trátase, como cabería esperar, de lugares maléficos, de espacios asociados con Satanás e coas bruxas, causantes últimos das enfermidades: a terra, os montes, o mar, o deserto e o cemiterio. Se a enfermidade procede de Satanás, a curación só pode vir de Deus. O Ben expulsa o Mal dese campo de batalla cósmico que é o microcosmos humano. Naturalmente, tamén se invoca a axuda da Virxe e dos santos, entes intermediarios entre as persoas e o Altísimo. Moitos esconxuros afastan o mal “no nome do Pai, e do Fillo e do Espírito Santo”, “coa graza de Deus e da Virxe María” e “co poder de Deus e da Virxe María”. Os mesmos curandeiros recoñecen que non expulsan as enfermidades polos seus méritos, senón pola graza de Deus. Como a enfermidade é un mal, unha bruxería que entra no corpo, os curandeiros expúlsano coas mesmas defensas simbólicas empregadas contra o demo e as bruxas: os obxectos sagrados, como a cruz, os rosarios, os evanxeos, o pan e o sal; e as armas, como os coitelos, as navallas, as fouces, os dentes de xabaril, os dentes de allo e os cornos. Nalgún ensalmo os curandeiros usan a expresión “eu crúzote”, porque fan unha cruz sobre o enfermo, pero non dan fármacos, senón que bendicen con obxectos sagrados. O pan que emprega ás veces representa sempre o pan eucarístico, ao igual que acontece coas espigas, os grans de trigo e a fariña. Todo o relacionado coa elaboración do pan queda impregnado de santidade, incluso a artesa e o muíño, por iso nestes obxectos téñense celebrado diversos ritos curativos. Pola súa parte, as uvas e o lagar adquiren o valor sagrado do viño. Facendo sobre o enfermo cruces con sal curan, entre outros males, o mal de ollo. Outros obxectos sagrados que os curandeiros utilizan son a pedra de ara, o incenso, a campá e a estola. Especial santidade encerran as imaxes e as reliquias dos santos; de aí a inmensa afluencia de enfermos aos santuarios. As enfermidades, en canto manifestacións do Mal, son máculas ou impurezas que contaminan os enfermos e que os curandeiros tratan de eliminar lavándoas e queimándoas. No lavado ritual empregan, por suposto, auga; en especial a que está bendita ou procede dalgún santuario. Coma na vida diaria, acrecentan a acción limpadora da auga con esparto, xabón e cinza (a lixivia tradicional). Ás veces, en lugar de cinza da lareira utilizan a que obteñen de incinerar plantas, animais ou obxectos que xa en si mesmos encerran, por razóns simbólicas, poder curativo. O esparto (usado para fregar) entra na medicina non como fármaco senón como símbolo; isto demóstrao o feito de que tamén o empregan como amuleto contra o mal de ollo. Ademais, como sucede coa maioría dos axentes expulsores das enfermidades, non sempre entra en contacto co enfermo; o normal é que o curandeiro o utilice só para bendicir ou facer cruces. O lume, que aniquila a ganga e libera o ouro que destrúe a Satanás e deixa incólume a Silva Divina, destrúe os males e deixa sans os corpos. Pode ser lume de fogueira, calor de forno -non demasiado quente- ou calor do ferro de pasar, que purifica a roupa limpa que ha poñer o enfermo (tradicionalmente, adoita ser un neno). En ocasións quítanlle ao enfermo a roupa usada e póñenlle outra limpa como signo do novo estado de pureza ritual. Non é un símbolo escuro, pois do mesmo xeito que mudan de roupa despois do baño, así o fan despois da purificación ritual. O vestido, como expresión do estado de pureza ou impureza da alma, aparece en textos que van dende os primeiros libros da Biblia ata autores recentes. Tirando, lavando ou queimando a roupa sucia, tiran, lavan ou queiman a impureza, a enfermidade, e vestindo traxe limpo simbolizan o novo estado de pureza e saúde. O catolicismo tradicional usa como símbolos do enfrontamento entre o Ben e o Mal numerosas oposicións: masculino-feminino, vida-morte, luz-escuridade, ouro-ferro, etc. Na medicina das bruxas, os símbolos do Ben loitan contra os males, contra as enfermidades. O masculino que afasta o feminino está representado, case sempre, por pezas de vestir de home. Os obxectos masculinos están especialmente indicados para enfermidades de mulleres e causadas por mulleres. A parturiente, para facilitar o parto, pon o chapeo, os calzóns ou o chaleco do home. O curandeiro pasa polas súas partes, é dicir, por debaixo dos seus testículos, o afectado de mal de aire de muller. As plantas “macho” -allo macho, silva macho e toxo macho- son, como o varón, un excelente remedio para as enfermidades, de igual forma ca a chave, porque representa o pene. A vida que vence a morte simbolízanas por medio do loureiro e a oliveira, que se conservan verdes durante todo o ano. Numerosos ensalmos falan de “cortar” o mal; por iso realizan a miúdo cruces ou círculos sobre o enfermo cunha navalla, cunha fouce, cunhas tesoiras ou cun coitelo ou con calquera das medicinas simbólicas empregadas comunmente. Tamén castigan e expulsan as enfermidades, coma os malvados, con paos, látegos e disciplinas; abondosos ensalmos falan de “disciplinar” a enfermidade. Como amuleto contra o contaxio de enfermidades de bruxas e como medicina simbólica utilizan armas naturais: cornos, cornos de vacaloura, dentes de porco, dentes de allo e castañas. En resumo, atribúenlles as enfermidades sobrenaturais a espíritos malignos que penetran no corpo da víctima á quen contaminan de impureza. Para expulsalos, empregan armas, lavan ou queiman a impureza e recorren á axuda do Ben, é dicir, de Deus e das cousas sagradas. A medicina académica desprazou a medicina humoral, pero non á bruxo-relixiosa porque non son incompatibles senón complementarias. Normalmente, a xente acode ao curandeiro despois de visitar, sen resultados positivos, varios médicos, debido a que a medicina bruxo-relixiosa se ocupa das enfermidades que se escapan á competencia dos médicos: as enfermidades somáticas incurables e as psíquicas e psicosomáticas. Aínda que ás veces con certa lentitude, a medida que a biomedicina descobre o remedio para unha doenza, esa deixa de ser de curandeiro. Por suposto, os enfermos incurables non sandan cos seus ensalmos e as súas medicinas simbólicas; consólanse coa esperanza e, ademais, a enfermidade cobra un sentido: o sentido que lle dá a concepción cristiá da vida. No mal de ollo, no mal de aire e na caída da paleta, os factores psicolóxicos son moi claros, do mesmo modo ca nas enfermidades da pel, nas úlceras e noutras doenzas. Isto significa que o curandeiro non é o substituto do médico, senón do psicólogo e do psiquiatra. Comparte a interpretación que a xente fai das enfermidades de bruxas e trata de curalas de acordo con ese sistema. Os curandeiros axudan os enfermos, aínda que moitas veces fracasan. Curan por suxestión, repiten unha e mil veces que sen fe non hai curación posible. Pero esa fe non é exactamente igual ca a confianza que se deposita no médico ou no psicólogo, pertence á fe en Deus, de quen o curandeiro é o seu representante. O enfermo encontra na fe, na doutrina cristiá, apoio para superar, ou polo menos aturar, o conflito vital que está na orixe de toda enfermidade psicolóxica ou psicosomática. Ademais, os ritos curativos poñen en xogo a veracidade da doutrina cristiá, e o enfermo procurará sandar para que esa doutrina quede confirmada como auténtica. Resulta, daquela, que na medida na que cre, sanda, e na medida na que sanda, cre con máis forza.