Commedia dell’Arte

Commedia dell’Arte
[ESPECT]

Tipoloxía de espectáculo teatral. Ten as súas raíces en Roma, onde tivo continuidade unha vella tradición cómica popular que, malia as condenas e prohibicións da cada vez máis influínte igrexa cristiá, se desenvolveu na peripecia dos histrioni, mimi, thimelici, pantomimi e joculatores, que deu lugar na Idade Media ao teatro profano. Baseada nunha linguaxe burlona, nunha mímica exuberante e nun espírito crítico e sarcástico, coñece un particular desenvolvemento en Italia, feito que deu lugar a un xénero escénico, a commedia all’improvisso, que ten o máis claro precedente nas farsas atelanas, que tipifican e desenvolven os personaxes, argumentos, técnicas de actuación e prácticas escénicas propias da tamén chamada commedia a saggeto. Ten o seu trazo diferenciador no traballo colectivo sobre un guión previo e na improvisación, técnica que permite desenvolver a acción e os conflitos a partir dun núcleo argumental primario. O traballo do actor é outra característica do xénero, co que crea unha escola de formación actoral que potencia o xogo, a acrobacia, a expresión xestual e corporal e a capacidade de improvisación. Coa commedia dell’arte naceron as primeiras compañías profesionais, grupos ambulantes integrados por oito ou dez persoas, en ocasións todo un grupo familiar, que percorrían vilas e aldeas cun repertorio fixo que modificaban segundo transcorría a xira. Foi así como se fixeron coñecidos personaxes tan populares como arlechino, pulcinella, brighella, pantalone, capitano, il dottore ou colombina, personaxes habituais nas comedias de autores como Ruzzante, Carlo Goldoni ou Pierre Marivaux.