Compañía de María
Orde relixiosa, a primeira feminina dedicada ao ensino, fundada en Bordeos por santa Xoana de Lestonnac e aprobada polo Papa Paulo V en 1607.
Orixe e evolución
Xoana de Lestonnac (1555-1640), filla de Ricardo de Lestonnac e de Xoana Eyquem de Montaigne, e sobriña do humanista Montaigne, casou con Gaston de Monferrant, señor de Landiras e La Trau, e tivo oito fillos; no 1580 quedou viúva. Despois dunha curta experiencia no císter de Toulouse, traballou a prol das mulleres. Apoiada na súa formación humanista e cristiá, intentou dar unha resposta pedagóxico-apostólica ás necesidades educativas da mocidade feminina. Cun grupo de compañeiras e coa axuda dos xesuítas Xoán de Bordes e Francisco Raymond, fundou a orde da Compañía de María a Nosa Señora. A súa intención era aplicar á educación das mulleres os postulados que Montaigne defendía para a educación dos homes: a educación do “home íntegro”, a instrución en todo o que se refire ao espírito e á recta dirección do entendemento e dos costumes. Ademais de Montaigne, hai que engadir a influencia das escolas calvinistas da época e, sobre todo, da Compañía de Xesús, a través dun sistema pedagóxico de seu, denominado Ratio Studiorum. A nova orde logrou unha modalidade de convento-escola, que constituíu unha creación orixinal na historia da vida relixiosa ata ese momento. Expandiuse primeiramente por Francia e no ano 1650 implantouse en España coa fundación dun colexio en Barcelona, desde onde se estendeu ao resto dos dominios hispánicos na Península Ibérica e en América. A obra escolar de La Enseñanza, espallada por todo o mundo, deu oportunidade a moitas mulleres de formarse nas materias científicas e humanísticas. Tralo Concilio Vaticano II (1962-1965), a Compañía de María tivo que redefinir a súa intención fundacional á luz dos desafíos do momento. Isto supuxo cambios importantes na súa estruturación interna, na súa apertura ao mundo e tamén no seu proxecto educativo. A comezos do s XXI a Compañía de María tiña presenza nos cinco continentes e contaba con 1.815 membros.
A Compañía de María en Galicia
O 2 de novembro de 1759 chegaron a Santiago de Compostela seis relixiosas e dúas postulantes procedentes do convento de Tudela. Con elas empezou a funcionar en Galicia o primeiro centro educativo para mulleres, coñecido como o colexio de La Enseñanza. O Antigo Hospicio, na praza de San Bieito do Campo, acolleu provisionalmente a comunidade, que se trasladou o 27 de outubro de 1765 ao seu propio convento, erguido extramuros á beira da cidade, na rúa da Virxe da Cerca. Ao arcebispo Rafael Múzquiz Altunate (1801-1821) débese a conclusión da igrexa, do convento e a edificación das clases externas. O seu escudo de armas, no interior da igrexa e na fachada, testemuña a súa colaboración na obra educativa de La Enseñanza. A presenza da Compañía de María en Santiago de Compostela prolongouse ininterrompidamente, de xeito que a principios do s XXI tiña un colexio concertado que abranguía todos os niveis da educación non universitaria, dende a infantil ao bacharelato, e unha residencia para mozas, na súa maioría universitarias; o acceso do colexio ao réxime de concerto coa administración (establecido legalmente na década de 1980) converteuno en mixto. O 12 de outubro de 1886, un grupo de relixiosas de Santiago de Compostela chegou a Vigo para fundar un novo colexio; acomodáronse, provisionalmente, nunha casa da rúa Real ata que o 1 de febreiro de 1890 se trasladaron a un novo edificio na aba do Castro, na rúa Ecuador. O colexio permaneceu aberto ininterrompidamente dende aquela, de xeito que chegou ao s XXI como centro mixto concertado, no que se ofrecen todos os niveis de ensino, dende a educación infantil ata o bacharelato. O 3 de maio de 1889 chegou a Ferrol un grupo de relixiosas procedentes de Lleida que foron recibidas na igrexa de San Xián e que se instalarían, provisionalmente, na casa nº 65 da rúa Castañar. O 14 de setembro de 1892 trasladáronse ao novo colexio, tamén mixto e concertado; a súa oferta só abrangue os niveis preobrigatorios e obrigatorios (dende educación infantil a ESO). O 13 de marzo de 1917 chegaron á Coruña quince relixiosas procedentes de Orduña (Bizkaia), que se estableceron provisionalmente no lugar do Corgo. O 27 de xuño de 1925 trasladáronse ao edificio do colexio actual. Este centro, mixto e concertado, ten un alumnado comprendido entre a educación infantil e o bacharelato, e pertence á Fundación Compañía de María. En setembro de 1925 un grupo de monxas de Vigo, que estaban no convento de Santander, fundaron un novo colexio en Cangas, no barrio de Cimadevila, nunha propiedade chamada La Gloria; este centro é mixto e concertado e ofrece dende educación infantil ata ESO. O 30 de maio de 1953 chegaron a Lugo relixiosas procedentes de Santander, Valladolid, Orduña e Cangas para fundar un novo colexio e unha residencia para estudiantes de maxisterio. Comezaron a súa actividade educativa nunha casa particular de Santo Domingo; posteriormente, trasladáronse ao convento das Madres Salesas e, máis tarde, a unha casa da rúa dos Clérigos. En xaneiro de 1957 inaugurouse a residencia de estudiantes e no curso 1958-1959 empezou a funcionar o colexio nun edificio propio. Desde o curso 1990-1991 o colexio pasou ás relixiosas de María Auxiliadora (Salesianas), de xeito que a obra da Compañía de María en Lugo se reduciu exclusivamente a unha residencia universitaria. En 1961 relixiosas da comunidade de Ferrol comezaron a acudir diariamente a impartir clases nun local do novo barrio de Caranza. No ano 1967 empezouse a construír alí un centro que entrou en funcionamento no curso 1973-1974 baixo o nome de colexio Santa Xoana de Lestonnac; este centro é mixto e concertado, e ofrece desde educación infantil ata ESO. Tralo Concilio Vaticano II a Compañía de María en Galicia iniciou un camiño cara a un maior compromiso coas situacións de pobreza e exclusión, e realizou transformacións tendentes a lograr unha presenza máis inserta e inculturada na realidade galega. Deste xeito, estableceu comunidades en barrios periféricos, como San Lázaro (1973) e Conxo (1991), en Santiago de Compostela, ou Lavadores (1979), en Vigo; e en áreas rurais ou rururbanas, como Miño (1963) e Hospital (1975), en Pedrafita do Cebreiro; Bazar (1977), en Santa Comba; Buxantes (1980), en Dumbría, e As Pontes de García Rodríguez (1984). A presenza da Compañía de María en Galicia no ano 2001 cífrase en 167 relixiosas, que viven en 18 comunidades e contan coa colaboración dun bo número de segrares.