crise

crise

(

  1. s f
    1. Momento no que se produce un cambio de importancia en algo.

    2. [MED]

      Cambio brusco no curso dunha enfermidade, en sentido favorable ou adverso.

      Ex: Superou a crise favorablemente e xa se está recuperando.

    3. [MED]

      Accidente súbito nun estado aparente de saúde.

      Ex: Trala voda sufriu unha crise de gota.

    1. s f

      Situación circunstancialmente dolorosa ou difícil pola que pasa alguén ou algo que está en evolución.

      Ex: Trala morte do seu fillo entrou nunha profunda crise que non deu superado. A empresa atravesa unha crise dende que a colleu o fillo do antigo xefe.

    2. crise de goberno [POLÍT]

      Período durante o que se remodela un goberno. A duración desa crise comeza coa dimisión ou destitución dun ou varios ministros ou conselleiros e remata co nomeamento doutra persoa. Se afecta a un consello de ministros recibe o nome de crise ministerial.

  2. s f [ECON]

    Perturbación da actividade económica producida pola ruptura do equilibrio entre a oferta e a demanda dos bens e servicios destinados ao consumo. Isto xera un ciclo depresivo da situación económica. Durante a etapa precapitalista, as crises tiñan a súa orixe no mundo rural, provocadas fundamentalmente polas malas colleitas, feito que afectaba directamente á economía do país. A escasa industrialización permitía que estas crises se reabsorbesen con rapidez. A crise económica prolongábase nunha crise social e política, na que o goberno tiña que responder ás demandas do pobo. A crise francesa de 1789 reflectiu este modelo, no que unha situación de recesión económica deu lugar ao cambio radical de sistema político coa desaparición do Antigo Réxime en favor do sistema liberal. A crise de 1830 comezou cun descenso da produción agrícola en 1826, que provocou un paro económico na industria e tivo como consecuencia política o derrocamento da monarquía en Francia. A de 1848 foi a última crise do Antigo Réxime, orixinada pola praga que afectou a pataca en Irlanda, nos Países Baixos e en Alemaña, e que causou un gran número de mortos. O descenso poboacional repercutiu no proceso industrial, que sufriu unha caída da produción e do mercado. A solución, a partir deste momento, tiña que vir dunha nova política económica de fomento da demanda que respondese ao aumento da oferta industrial. A crise de 1857, orixinada polo afundimento das compañías ferroviarias, tivo xa un carácter mundial e repercusións nas bolsas de Nova York, Londres e Viena. A crise internacional de 1877 permitiu observar as relacións establecidas entre o freo na construción ferroviaria por parte de Austria e Alemaña (1873) e as repercusións nos EE UU, que no campo social desembocaron nas revoltas de Chicago. Esta foi a última vez que o ferrocarril orixinou unha crise económica; a partir de entón o novo factor foi o bolsista. As crises dos anos 1890-1893 e 1900 tiveron causas bolsistas, acompañadas da creba de bancos que se estenderon a todos os ámbitos. A seguinte gran crise situouse no contexto prebélico da Primeira Guerra Mundial e orixinouse en Alemaña, nun momento de baixo consumo e exceso na produción que orixinou unha creba no sistema financeiro que repercutiu na economía mundial, polas conexións internacionais dos países industrializados, e derivou no conflito. Despois de finalizada a guerra, as economías nacionais dos países que interviñeron no enfrontamento, tiveron que readaptarse e afrontar unha crise de sobreprodución, que comezou en Xapón (1920), estendeuse por Asia e continuou polos EE UU e Francia. A recuperación iniciouse no 1922 e a produción industrial subiu espectacularmente, feito que situou a EE UU á fronte dunha nova industria, ata que o 24 de outubro de 1929 caeu a bolsa de Nova York. Foron manifestacións comúns a baixada dos prezos, o derrubamento de valores, a redución da produción industrial, a multiplicación dos desocupados, etc. Entre as múltiples causas destaca a finalización da reconstrución europea trala Primeira Guerra Mundial, feito que xerou unha baixada na demanda á que a industria dos EE UU non puido adaptarse e provocou que a oferta superase a demanda. A crise estendeuse ás áreas xeradoras de materias primas como Brasil (café), África (cacao) ou Cuba (cana de azucre). As medidas que se adoptaron foron de varios tipos, pero o que primou foi unha reorientación cara a unha economía máis globalizada cunhas regras xeneralizadas unidas á busca de novos mercados. Despois da recesión posbélica de 1945, houbo un período de estabilidade marcado por pequenas desestruturacións sectoriais nalgúns países. Produciuse unha nova crise no ano 1973, que tivo a súa orixe no forte incremento dos prezos do petróleo. Inmediatamente veu un proceso inflacionista, provocado polo excesivo crecemento da liquidación. O custo real da suba dos prezos do petróleo non foi, sen embargo, plenamente asumido por moitos dos países industrializados, que non tomaron as medidas necesarias de contención. Así, produciuse un segundo incremento dos prezos entre os anos 1979 e 1980, anos nos que a reacción dos gobernos foi máis enérxica. A crise bolsista de 1987 provocou certo desaxuste nos grandes mercados financeiros e desembocou no luns negro, o 19 de outubro, da bolsa de Nova York. En 1998, a crise asiática, a peor desde a Segunda Guerra Mundial, cunha recesión en todos os campos e cun descenso da bolsa (que pronto se recuperou coa actuación do Fondo Monetario Internacional), foi a antesala da crise de 1999, ano no que a OPEP decidiu diminuír a produción de cru e subir os prezos ata finais de ano, feito que provocou a concentración das compañías petrolíferas. Os atentados contra as torres do World Trade Center de Nova York e o Pentágono de Washington, perpetrados o 11 de setembro de 2001 con avións comerciais, provocaron unha serie de incertidumes que supuxeron unha grave ameaza para a economía mundial: á parte da paralización da actividade bolsista en todo o mundo durante varios días, o descenso do consumo que se experimentou polo pánico xeneralizado provocou graves perdas ás compañías aéreas que obrigaron a reestruturar a súa actividade de xeito case que inmediato (suspensión de voos, regulacións de emprego, etc), mentres a bolsa caía en picado. As represalias militares contra os terroristas (especialmente a campaña dirixida pola OTAN en Afganistán para desmantelar os seus campamentos de adestramento e capturar os responsables dos atentados en EE UU) e a contraofensiva bacteriolóxica destes, contribuíron a manter a incertidume na economía mundial.

  3. s f [LIT]

    Momento dunha historia no que o conflito presentado acada a súa máxima intensidade e anuncia e prepara a resolución final. Na dramaturxia clásica, xorde como consecuencia directa da unidade de tempo que esixe a preceptiva aristotélica, segundo a que a acción debe desenvolverse nun período máximo de 24 horas. Esta esixencia implica a elección dun acontecemento principal ou dunha serie de accións estreitamente ligadas que preludian o desenlace e favorecen a interiorización psicolóxica e a confrontación dos caracteres.

  4. expediente de crise [DER]

    Procedemento administrativo de carácter especial dirixido a conseguir da autoridade laboral a necesaria autorización para poder extinguir ou suspender as relacións de traballo por causas tecnolóxicas, económicas ou de forza maior. Tramítase como unha forma de regulación do emprego e pode dirixirse cara á suspensión ou extinción das relacións de traballo, ou simplemente reducir a xornada laboral.

Palabras veciñas

Crisanto | Crisanto, san | Crisaor | crise | Criseida | criselefantino -na | Crises