Curitiba

Curitiba

Capital do estado de Paraná situada na rexión do sur, Brasil, nos contrafortes da serra do Mar (1.476.253 h [estim 1996]). É un importante núcleo industrial e centro comercial dun amplo territorio agrícola. As principais industrias pertencen aos sectores metalúrxico, téxtil e do moble. Malia esas actividades, considérase paradigma da cidade ecolóxica polo seu urbanismo. O seu patrimonio cultural, ademais dos espacios naturais, está formado por un gran número de edificios relixiosos e civís, entre os que destaca a catedral neogótica, o palacete Leão Júnior (1886-1907) e o teatro Paiol (1905-1906).