Curlandia
Rexión occidental de Letonia, situada na beira oriental do Mar Báltico (25.000 km2). Caracterízase por un relevo chairo con costas baixas. O clima é frío e húmido. Os bosques cobren unha gran parte do territorio. Os principais recursos son a agricultura, a gandería e a pesca. Primitivamente habitárona os livonios e os curos, que lle deron nome á rexión. Entre os ss VIII e XII sufriu as invasións dos suecos e dos daneses. En 1237 conquistárona os cabaleiros da orde teutónica, que a dominaron ata 1561, ano no que se converteu en ducado vasalo de Polonia. Na primeira repartición de Polonia (1795), o ducado foi anexionado a Rusia. En 1921 pasou a formar parte da República de Letonia, de xeito que seguiu as vicisitudes desta, coa anexión á Unión Soviética en 1940 e a independencia en 1991. A principal cidade da rexión é Ventspils (41.646 h [1997]), capital do distrito homónimo.