Curros Enríquez, Manuel
Escritor. Fillo de Xosé María de Curros Vázquez, escribán natural de Melide, e de Petra Enríquez Nogueira, oriúnda de Vilanova dos Infantes, pasou a súa infancia e primeira mocidade na súa vila natal marcado pola tiranía e o integrismo católico do pai, home despótico e violento. Rematados os estudios elementais na escola de Manuel Rebollo, comezou a traballar como escribente para o seu pai, ao tempo que se impregnou da literatura clásica e romántica. A situación entre pai e fillo acabou por facerse insufrible e Manuel, con quince anos, fuxiu da casa paterna cara a Ourense onde o acolleu un antigo compañeiro de escola. De Ourense partiu para Madrid (entre 1866 e 1867); alí instalouse na casa do seu irmán Ricardo e iniciou os estudios de bacharelato xunto cos de dereito, que non rematou. Na capital atopou a protección e favor do ourensán Modesto Fernández González, delegado de Facenda e xornalista que o iniciou nesta última profesión. Participou na Revolución de Setembro de 1868, denominada A Gloriosa, que afastaría a Isabel II do trono, e desde entón militou no progresismo republicano e asumiu os seus principios políticos. Do ano 1869 datan as súas primeiras creacións literarias en castelán, a lenda El Maestre de Santiago, e en galego, o seu poema “Cántiga” que se vai converter, musicado, nunha das pezas máis famosas da música popular galega. Xa nesta primeira composición agroma a vea de poeta civil ou social que foi o máis característico da súa obra, así, o autor amosa o seu sentimento civil e a solidariedade coas dificultades que enturban o país ao achegarse a un asunto como é a emigración, que daquela estaba a arrasar Galicia coa saída de milleiros de mozos para América. Abandonada a carreira de dereito, comezou a colaborar no xornal madrileño El Español. Segundo algúns biógrafos, esta incipiente dedicación xornalística interrompeuse pola súa fuxida a Londres no ano 1870. Ao parecer, un artigo no que atacaba o Duque de Montpensier -aspirante ao trono español- foi o desencadeante da orde de arresto e persecución policial que o levaría a embarcar desde o porto da Coruña cara a Londres. Este episodio do exilio londinense durou ata outubro do mesmo ano, data na que aproveitou unha amnistía para regresar á Península, talvez á residencia familiar en Celanova que logo abandonou polas continuas liortas co pai. En 1871 Curros instalouse de novo en Madrid, consagrouse ao xornalismo e comezou a colaborar na Gaceta de Madrid e en El Porvenir. Este mesmo ano casou polo civil con Modesta Luísa Polonia Vázquez Rodríguez, filla dun maxistrado da Audiencia de Madrid. Editáronse os seus primeiros textos literarios esparexidos por diversas publicacións; así, saíu á luz en 1872 o poema “Tributo de sangre”, impetuoso canto á liberdade aparecido na Ilustración republicana. O ano 1873 inaugurouse cun acontecemento que encheu de alegría e esperanzas a Curros, republicano e progresista: en febreiro presenza no Congreso de los Diputados a proclamación da Primeira República. En marzo era redactor da Gaceta de Madrid; será tamén o ano do nacemento do seu primeiro fillo, Adelardo, a quen lle dedicou as fermosas liras de “Ben chegado”, poesía logo incluída en Aires da miña terra. En xaneiro de 1874 foi testemuña da derradeira asemblea da Primeira República que se fecha coa irrupción da Garda Civil, mandada polo xeneral Pavía, no Congreso. Ese ano saíu do prelo e estreouse no Teatro Novedades a loa El 2 de mayo de 1808 -escrita coa axuda do seu cuñado Leopoldo Vázquez-. Comezan a aparecer artigos e poemas seus en El Heraldo Gallego (“A nena na fonte”, “A primaveira”); por esta época tamén publicou o poema “Muiñeira monorrítmica”, na que ataca a empresa construtora do ferrocarril en Galicia polos continuos atrasos e incumprimentos de prazos. Pouco despois recibe o seu primeiro premio polo poema “Oda a la guerra civil española”, feito que lle abriu as portas do diario El Imparcial, no que entrou a traballar como redactor. Nestes anos publicou máis poemas en castelán (“Homenaje a la poetisa Emilia Calé”, “Ante la estatua de Feijoo”, “A una amiga”, “El canto a la libertad”). En 1875 asiste Curros á creación da sociedade Galicia Literaria, fundada por Teodosio Vesteiro Torres e que contará entre os seus membros con nomes ilustres da intelectualidade galega establecidos en Madrid (Francisco Añón, entre eles) á parte do propio celanovés que será asiduo das reunións e lector en público das súas composicións poéticas. Desde setembro do mesmo ano ata febreiro de 1876 estivo en Euskadi como correspondente da Terceira Guerra Carlista para El Imparcial; as súas “Cartas del Norte” serán un testemuño das loitas, entre outras, en Hernani, Getaria, Zarautz, Rentería e Azpeitia ata o remate da guerra coa entrada, o 20 de febreiro, de Afonso XII en Donostia. Cando se dispuña a regresar a Madrid, Curros recibiu accidentalmente un disparo de bala do axudante do seu compañeiro de cuarto que case acaba coa súa vida. Recuperado da súa ferida, retomou en Madrid o seu labor xornalístico para El Imparcial así como a súa participación en Galicia Literaria. Pero ese ano de 1876 vai ser de grandes penalidades: morre a súa irmá Teresa; Vesteiro Torres, compañeiro e amigo, suicídase dun tiro e con el desaparece Galicia Literaria; ademais, abandonou a redacción de El Imparcial por motivos políticos cando a súa muller espera o segundo fillo. Neste momento negativo tanto no eido económico coma no persoal, Modesto Fernández González convoca un certame de poesía en Ourense. Este certame, celebrado o 24 de febreiro de 1877, premiaría o poeta que en idioma galego mellor versase un costume (a vendima no Ribeiro, unha voda na aldea ou a Noiteboa), unha tradición (a fundación do mosteiro de Conxo, a Virxe do Cristal en Vilanova dos Infantes ou o Xan de Arzúa) e un tipo (o gaiteiro, o animeiro ou santeiro, ou a sabia ou botadora de cartas). Curros Enríquez presentouse ao concurso aínda que os temas non lle eran atractivos nin confiaba no seu dominio da lingua galega, que ata ese momento tiña utilizado en poucas composicións poéticas. A pesar das reticencias iniciais resultan gañadores tres poemas seus: “Unha voda en Einibó”, “A Virxe do Cristal” (dedicado a Francisco Añón Paz) e “O gueiteiro”, publicados por primeira vez en marzo de 1877 en El Heraldo Gallego e logo formando parte de Aires da miña terra. O éxito das tres poesías será decisivo para facer del un poeta en galego. Poucos meses despois do certame e tras casar canonicamente con Modesta, volveu a Galicia e aceptou un posto na delegación ourensá de Facenda. Ademais do traballo na administración, dedicouse á literatura (prepara xa Aires da miña terra) e ao xornalismo (colaborador en El Trabajo e redactor de El Heraldo Gallego), ao tempo que interviña activamente no movemento cultural ourensán; mentres, en Madrid, morreu na miseria o seu grande amigo e tamén poeta Francisco Añón (dedícalle en castelán “En la muerte del poeta Añón” e anos máis tarde vaino facer protagonista de O divino sainete). Durante este período ourensán escribiu a novela Paniagua y Compañía (Agencia de sangre), en castelán, panfleto anticarlista e anticlerical de momentos naturalistas, con personaxes maniqueístas e un fondo romántico sentimental que deixa ver o asoballamento que sofren humildes e desherdados. En 1879 Curros compón e estrea con grande éxito no Teatro Principal de Ourense a peza teatral El Padre Feijóo en honor do ilustre clérigo, obra que inaugurou o seu enfrontamento coas autoridades relixiosas; nese ano morreu o seu segundo fillo, Leopoldo, cando só contaba con dous anos de idade; a el van dedicados os doridos versos de “Ai!”. Igualmente apesarados (“Na morte da miña nai”) serán os que compuxo co motivo do pasamento da súa nai, en 1880. Nese mesmo ano publicou a obra que o confirmou como excelente autor en galego e como poeta cívico de Galicia: Aires da miña terra (ano esencial para as letras galegas pois tamén se publicaron Follas Novas de Rosalía de Castro e Saudades Gallegas de V. Lamas Carvajal). Esta primeira edición saíu do prelo en Ourense, da Tipografía de Otero e recibiu unha subvención da Deputación ourensá para a súa publicación. O libro está prologado polo escritor Xosé Ojea, amigo do autor e conta con vinte e unha composicións poéticas, das que tres (“Mirando ao chau”, “Pelegrinos, a Roma” e “A Igrexa fría”) provocaron a denuncia do bispo de Ourense, Cesáreo Rodrigo Rodríguez, por atacar e ridiculizar algúns dos dogmas da Igrexa católica. O bispo asinou un edicto condenatorio prohibindo o libro (que se esgotou en 15 días) e o xuíz Manuel Mella Montenegro ordenou a instrución do sumario correspondente, polo que Curros foi procesado por delito contra o libre exercicio dos cultos. Os volumes en poder do editor confiscáronse e os moldes destruíronse. O poeta é excomungado en xullo pola Igrexa e en agosto condenado a pena de dous anos, catro meses e un día de prisión e multa de 250 pesetas, a pesar da defensa de Paz Novoa. O farmacéutico ourensán Serafín Temes depositou unha fianza de 1.500 pesetas para que o seu amigo non fose á cadea. O 11 de marzo de 1881 Curros Enríquez foi absolto pola Audiencia da Coruña, esta vez defendido por Luciano Puga, a quen lle dedicou o soneto “A Luciano Puga”. A sentenza absolveuno totalmente, ordenou a devolución ao editor dos exemplares requisados e a cancelación da fianza. A segunda edición da obra data de 1881 e apareceu aumentada con algunas poesías inéditas e publicouse en Madrid na Administración La Ilustración Gallega y Asturiana. Esta segunda edición contén seis poemas máis ca a anterior: “Cartas perdidas”, “Ten a serena o canto”, “Crebar as liras!”, “Diante unha imaxe de Íñigo de Loyola” (onde arremete contra os xesuítas), “A emigración” e “N’a chegada a Ourense d’a primeira locomotora”. No ano 1883 Curros cesou do seu posto en Facenda; farto do ambiente hostil que atopara na beata sociedade e no clero ourensán decidiu tornar coa familia a Madrid, onde traballou na redacción de El Porvenir. En 1886 saíu do prelo a terceira impresión de Aires da miña terra na Coruña, publicada por Latorre y Martínez editores, imprenta de La Voz de Galicia. Esta última está considerada a edición definitiva e compóñena 36 poemas; os nove engadidos son: “Ó vento...” (publicado en 1885 en Galicia Moderna, La Habana), “Tangaraños”, “As dúas pragas”, “N’o convento”, “Sobre unha foxa” (a súa poesía máis antimonárquica), “O Ciprianillo”, “A Luciano Puga”, “O último fidalgo” e “A palabra”. Esta obra está considerada como a obra que inaugura a poesía de temática social na literatura galega; para o seu autor, instalado aínda en boa medida nunha óptica romántica, o deber do poeta era a denuncia das inxustizas sociais, e isto fica patente no destacado contido ideolóxico e de compromiso que posúen boa parte das poesías do libro; nelas revélase o ideario político, a preocupación polas situacións de penuria que vive o pobo (simbolizadas e concretadas nos caciques, os curas, os trabucos, os empréstitos, a emigración, a monarquía...). Ao lado da liña cívica que caracteriza moitos dos poemas deste primeiro libro en galego, outras dúas orientacións temáticas conviven nel: costumismo e lirismo. A liña costumista ten como máximos expoñentes os poemas “A Virxe do Cristal”, “Unha voda en Einibó” e “O gueiteiro”, os tres de marcado acento rosaliano, mesmo no que a recursos estilísticos se refire. Pero tamén nestes poemas a preocupación social manifestouse nalgúns momentos polo que non se pode considerar un poeta costumista stritu senso, mesmo nos tres casos sinalados. A vea lírica só aflora en Curros cando é azoutado por un grave acontecemento que afecta aos seus seres queridos (“Ai!”, “Na morte de miña nai”) ou cando o abala un suceso de grande alegría (“Ben chegado”), pero a súa obra está dominada polo positivismo progresista, polo sentimento do deber cidadán de atender as preocupacións sociais. A lingua poética utilizada preséntase cun notable acento popular, lingua viva que procura a máxima autenticidade e riqueza; nela pode percibirse o vigor, o alento do pobo, sen afastarse nunca da fala que era de uso común entre os galegos aínda que conserva características propias do galego de Celanova na morfoloxía e no léxico. En 1888 Modesto Fernández González conséguelle unha praza de oficial no concello de Madrid. Pouco despois converterase en redactor xefe de El País, diario republicano, progresista e anticlerical. Continuou as súas actividades literarias, acrecentadas agora coa tradución de escritores portugueses (Guerra Junqueiro, Teófilo Braga, Antero de Quental, Pinheiro Chagas, etc), mostrándose favorable ao iberismo que propugnaban os republicanos federalistas; estas versións foinas publicando como folletín baixo o título de La lira lusitana. Por esta época apareceron igualmente na prensa as composicións “Á Sociedade lírica d’Habana Aires d’a miña terra” (Galicia, A Coruña, 1887), “Madrigal” (Las provincias gallegas, Ferrol, 1887), “Evos a lengoa gallega” (Galicia humorística, Santiago, 1888) e o soneto “A fouce d’o abó” (Álbum literario, Ourense, 1888); o seu segundo libro O divino sainete (A Coruña, 1888) e a tradución ao castelán en 1892 de Aires da miña terra, da autoría do poeta Constantino Llombart e cun prólogo de Vicente Blasco Ibáñez. Durante estes anos vividos en Madrid afectáronlle ao poeta graves problemas persoais (perda sucesiva dos fillos, separación definitiva da muller, dificultades económicas); algúns amigos preparáronlle unha homenaxe o 27 de marzo de 1893, no acto de fundación do Centro Gallego de Madrid, alí le un poema de circunstancias (“N’a apertura d’o Centro Gallego”, El Globo, Madrid, 1893) e recibe de mans de Manuel Becerra Bermúdez unha lauréola de prata. O 21 de febreiro de 1894 emigrou a Cuba, partindo do porto da Coruña. En La Habana fundou e dirixiu o xornal La Tierra Gallega, que iniciou a súa andaina o 8 de abril dese mesmo ano e suspendeu a súa publicación o 9 de novembro de 1896, clausurado por causa de dúas multas consecutivas. Logo entrou como redactor de El Diario de las familias e posteriormente en Diario de la Marina, no que traballaba cando lle sobreveu a morte. En La Habana o poeta vai abrazar definitivamente a opción política do rexionalismo, á que xa se sentía vinculado trala publicación de El regionalismo de Alfredo Brañas (1889) e a creación do movemento político rexionalista galego. Non obstante , rompeu coa Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia e co propio Centro Gallego en 1896 (devolveu o seu bastón de presidente honorario), en parte por mor da súa posición política fronte á recente insurrección da aínda colonia española. Fora un ano antes cando José Martí, co seu Manifesto de Montecristi, iniciara o levantamento a prol da independencia cubana e Curros, cunha actitude conciliadora ante o conflito -defendía a autonomía mais non a independencia-, soportou a hostilidade tanto dos partidarios da emancipación como dos que apoiaban o poder colonial español na illa. En 1904, tralo triunfo da sublevación cubana (1898), volveu uns meses a Galicia. Á súa chegada á Coruña foi recibido con acendido entusiasmo polos rexionalistas; visitou diversos puntos da terra natal para encontrarse con familiares e amigos, e tamén foi a Madrid onde se reuniu co seu fillo Manuel, que o acompañou no regreso a Cuba. O 21 de outubro rendéuselle unha grande homenaxe no Teatro Principal da Coruña, baixo a presidencia de Manuel Murguía. No acto cinguíuselle unha coroa de ouro e prata, e en agradecemento leu o seu poema “Ao pobo cruñés” (publicado o 22 de outubro nos xornais coruñeses El Noroeste, La Voz de Galicia e Revista Gallega). O día 23 embarcou definitivamente cara a terras cubanas, onde reanudou o seu traballo no Diario de la Marina; en 1905 conseguiu do Centro Gallego unha axuda para que Manuel Murguía rematase a súa Historia de Galicia e creou, no mesmo ano, xunto con Xosé Fontenla Leal, a Asociación iniciadora y protectora de la Academia Gallega, da que foi presidente. O 20 de decembro de 1907 leu no Teatro Nacional de La Habana “A Alborada de Veiga” para recadar fondos destinados a levantarlle un monumento ao músico Pascual Veiga, último poema coñecido do autor antes do seu pasamento, e acontecemento público no que por primeira vez se cantou o Himno Galego. En 1908 está xa moi doente e, anoxado co Centro Gallego, non quixo servirse dos seus servicios sanitarios, por iso ingresou na casa de saúde Covadonga do Centro Asturiano onde faleceu. Os seus restos foron reclamados pola Academia Galega e chegaron á Coruña o 31 de marzo; dous días despois tivo lugar o multitudinario enterro -40.000 persoas acompañan o cadaleito- no cemiterio da cidade herculina. O máximo escritor civil e social das letras galegas, o azoute da Igrexa e dos seus ministros, tivo finalmente unhas exequias de carácter relixioso por intervención do seu fillo Adelardo e dalgúns membros da Academia, fronte aos que propuñan un enterro civil. A súa produción xornalística está espallada por numerosos xornais galegos, madrileños e americanos, e precisamente nos escritos xornalísticos é onde expón con máis claridade o seu pensamento político, a súa visión de Galicia e do mundo, e o seu proceso ideolóxico. Pensamento, visión e proceso que tamén se translocen, aínda que doutro xeito, nas obras de creación. Da súa produción destacan, entre outros, os poemas “A Rosalía” (La Patria Gallega, Santiago, 1891), escrito co gallo do traslado dos restos de Rosalía ao Panteón de Galegos Ilustres; “Na tumba de Rosalía” (Gaceta de Galicia, Santiago, 1904), elexía que compuxo tras visitar a sepultura da escritora durante a súa viaxe a Galicia en 1904; “A Mariquiña Puga”, que escribiu co motivo da partida de María Puga para La Habana en 1886, filla do avogado don Luciano Puga Blanco, e que pasou ao folclore popular galego co título de “Adeus a Mariquiña”. Da etapa madrileña, antes de emprender o camiño da emigración, son “A Cristobo Colombo” (La Correspondencia de España, Madrid, 1892) e “Zara”, versión galega dun poema de Antero de Quental que se publicou traducido a 47 idiomas. Durante os anos que viviu en Cuba escribiu diversas composicións de fondo significado político e social; é o caso de “Pol-a unión!” (La Tierra Gallega, La Habana, 1894), na que manifestou a situación na que se encontraba boa parte dos emigrantes galegos en La Habana, e “A espiña” (Suevia, La Habana, 1912), onde ataca os galegos que lle fixeron a vida imposible na colonia. A súa posición ante a guerra de Cuba apareceu en “En corso” (Diario de la Marina, La Habana, 1896). Tamén atendeu as peticións de diversas mozas de La Habana que lle solicitaron os seus versos e, deste xeito, consérvanse algúns destes poemas de asunto totalmente banal (“A Clemencita Gener”, “A María Juara y Arrondo”, “A María Sola”, “A Dolores Troche”, “A María Meneses”, “A Isabel de la Sierra”, “A María Rodríguez”). Fechan a súa voz poética composicións variadas, como “A unha rapaza”, “Xuramento” (Galicia, La Habana, 1905), “Os Dióscoros” (1907), “N’un abanico” ou “Cántigas” (Galicia, La Habana, 1912). De entre os monumentos levantados na súa lembranza, destaca o que labrou o escultor Francisco Asorey, situado nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, inaugurado o 11 de agosto de 1934 polo entón presidente da República, Niceto Alcalá Zamora xunto co daquela presidente da Academia Gallega Manuel Lugrís Freire. No ano 1951, con motivo do centenario do seu nacemento, dedícanselle dúas homenaxes, unha en Celanova e outra no Centro Gallego de Madrid, homenaxes sempre discretas e en parte silenciadas pola prensa, dado o carácter perverso que tiña a figura e obra de Curros Enríquez para o réxime entón gobernante. Con todo cómpre salientar nese ano a publicación en Galicia dalgúns artigos sobre o ilustre poeta (tres artigos en Grial e un número de Posío) así como o certame convocado polo Centro Gallego de Bos Aires, que premiou estudios xerais sobre a súa vida e obra. No ano 2001, 150 aniversario do seu nacemento, tiveron lugar novos actos (congresos, homenaxes, publicacións...) e foi de especial relevo simbólico o tributo que se lle rendeu diante do monumento dos xardíns coruñeses de Méndez Núñez. Estes actos do 16 de setembro reproduciron “O foro das dezasete arengas”, que en 1935 contara coa colaboración de dezasete persoeiros da intelectualidade galega e que sesenta e seis anos despois volveu reunir algúns dos máis significativos voceiros da cultura galega a prol da recuperación da personalidade e produción currosiana. Igual que aconteceu con outros literatos galegos, a poesía de Curros popularizouse a través de cancións, como é o caso de “Cántiga” que, popularmente sufriu a transformación do primeiro verso (de “No xardín unha noite sentada” a “Unha noite na eira do trigo”) ou a tamén famosa “Adeus a Mariquiña Puga”, musicada por Xosé Castro Chané, quen musicou ademais Melodía Gallega sobre letra de Curros. Cantantes como Luís Emilio Batallán (“O maio”, “A Rosalía”, “Nouturnio”) ou Amancio Prada (“Os teus ollos”) téñense achegado á obra de Curros, amosando a pervivencia e modernidade dos seus versos. En 1967 a Academia Galega consagroulle o Día das Letras Galegas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Celanova -
Deceso
Lugar : La Habana