Curt Martínez, José
Militar, biólogo e naturalista. Profesor na década dos oitenta da Escola Naval Militar de Marín. Foi presidente da primeira xunta rectora do Parque Natural das Illas Cíes dende 1981 ata 1985 e un dos promotores da súa declaración como espazo protexido. Participou como naturalista nas dúas primeiras expedicións españolas á Antártida (1988-1989 e 1989-1990), e elaborou o primeiro catálogo español de cetáceos, pinnípedos e aves daquel continente. Publicou numerosos artigos dedicados á divulgación dos valores naturais de Galicia en Faro de Vigo, Diario de Pontevedra e La Voz de Galicia, que asinou co seu nome o co pseudónimo Rasele. Formou parte, xunto con Borobó, Maximino Sar, E. Fernández de la Cigoña, Blanco Tobío, Fariña Jamardo, Hipólito de Sa e outros, do grupo Los Endovélicos de Galicia. Entre os seus libros destacan Fauna gallega y algo más (1978), que marcou o comezo dunha literatura ecoloxista en Galicia; Más allá de la corredoira (1979); 31 Gallegos y pico (1981); Esos anfibios y reptiles gallegos (1982), en coautoría con Pedro Galán Regalado; Técnica y teoría de subsistencias (1982); A volar, rapaces (1985); La llamada de la naturaleza (1989; e Mis Cíes, tus Cíes, nuestras Cíes (1990). Recibiu, entre outros, os premios Citema (1968) de literatura, os premios de Periodismo da Deputación Provincial de Pontevedra (1978 e 1985), o Premio Daniel de la Sota (1979) de literatura, o Premio Ciudad de Pontevedra (1979) de literatura, o Premio Nacional Félix Rodríguez de la Fuente (1981), o Premio Nacional de Periodismo de Manos Unidas (1985), o Premio Galicia 89 (GEMA) ex-aequo con Filgueira Valverde, e o Premio de Periodismo Antonio de Oquendo 2000.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Cádiz