curuxa

curuxa
  1. [ANIMAL/ORNIT]
    1. curuxa asiática [Phodilus badius, Fam dos titónidos]

      Rapaz de 30 cm de lonxitude, coa cabeza de forma ovada, peito de cor branca, con pequenas manchas de cor negra e dorso de cor acastañada. A voz consta dunha serie de asubíos musicais. Constitúe unha especie propia de selvas do N da India, Sri Lanka, China, Borneo e Xava.

    2. s f

      Rapaz nocturna da familia dos estríxidos, de tamaño medio, que non presenta penachos na parte superior da cabeza. A plumaxe adoita ser de cor branca na cara e no peito, mentres que o dorso presenta unha coloración críptica. É unha ave nocturna e agóchase durante o día nos recunchos máis escuros; por isto, é atributo da Noite personificada e do Soño. Segundo un mito clásico, Nitimene, tras cometer incesto co seu pai, fuxiu avergoñada ao bosque, onde Atenea a transformou en curuxa. Na arte e nos bestiarios medievais, as curuxas representan os xudeus, que permanecen na escuridade sen crer en Cristo. Por ser nocturna está asociada co Príncipe das Tebras. Shakespeare pon plumas de curuxa na apócema das bruxas de Macbeth. Leva unha vida solitaria e fai o niño en edificios semiderruídos, campanarios e, en xeral, en lugares apartados. En Francia cren que a curuxa é unha muller que fai penitencia. A súa asociación con Atenea vén do seu parecido co moucho, que é o animal realmente vinculado a esa deusa. A súa voz é estridente e lúgubre. Santo Isidoro explica de maneira clara por qué esa voz a converte nun sinal de mal agoiro: “Cando canta remeda xustamente o xemido e o pranto. De aquí que se diga entre os agoireiros que, se deixa oír o seu lamento, é signo de tristeza”. En Francia, Portugal e España está moi estendida a crenza de que anuncia a morte. En Extremadura e Galicia chámanlle “o paxaro da morte”. Tamén está moi espallada a idea de que toma o aceite das lámpadas nas igrexas. En Catalunya supoñen que o fai para deixar ás escuras os santos nos altares. En realidade, a curuxa, que gusta da soidade das igrexas, non se lanza sobre as lámpadas para beber o aceite senón para atrapar os insectos que caeron nel ou para voar arredor da luz. É certa a súa inimizade cos paxaros diúrnos. Na tradición oral recóllense ditos como: “Curuxa noiteira, malladores á eira. Curuxa tardega, auga noitega”.

    3. curuxa común/albar [port: coruja-das-torres; cast: lechuza común; ingl: barn owl] [Tyto alba, Fam dos titónidos]

      Rapaz de 35 cm de lonxitude, coa parte frontal da cabeza con forma de corazón e as partes superiores de cor dourada con puntos dunha cor entre cinsenta e azulada. Presenta un voo lixeiro e silandeiro. Aliméntase fundamentalmente de roedores que caza en espacios abertos. Aniña tanto en cavidades naturais coma en construcións humanas. Está presente en Europa, África, América, Nova Guinea, Melanesia e Polinesia.

    4. curuxa das xunqueiras [port: coruja-do-nabal; cast: lechuza campestre; ingl: short-eared owl] [Asio flammeus, Fam dos estríxidos]

      Rapaz de 40 cm de lonxitude, de ás longas, plumaxe de cor parda amarelada con trazos e manchas de cor acastañada, pequenos penachos case que ocultos, e de actividade diúrna. Presenta unha distribución holártica e neotropical e está presente en latitudes medias do continente americano e en case toda Europa e Asia. Habita en zonas abertas, sen árbores, como medios húmidos e barbeitos do cultivo do cereal. Nas últimas décadas do s XX, coincidindo coa expansión na meseta da corta campestre, estableceuse unha importante poboación que nidificou nos vales do Duero e do Ebro. En Galicia está presente como ave de paso e invernante.

    5. curuxa de Tengmalm

      moucho pirenaico.

    6. curuxa do souto

      avelaiona común.

    7. curuxa gabián [cast: lechuza gavilana; ingl: hawk owl] [Surnia ulula, Fam dos estríxidos]

      Rapaz de 40 cm de lonxitude, de cara branca cun marco negro, peito branco con franxas negras horizontais, cola longa e ás afiadas. Caza durante o día, principalmente pequenos paxaros e roedores. Vive nos bosques de coníferas e bidueiros do N de Europa, Asia e Norteamérica.

    8. curuxa nival

      bufo nival.

  2. s f

    Termo do latín dos chafoutas, ou xerga dos albaneis, que corresponde á voz ‘luz’.

Frases feitas

  • Verlle o cu/os ollos á curuxa. Pasar alguén por unha situación desgraciada ou difícil.

Formas incorrectas

coruxa

Refráns

  • Auga noitega, curuxa tardega.

Palabras veciñas

curuto | Curuto | Curutos | curuxa | Curuxa do Humor, Premio | Curuxa, A | Curuxa, A