Curuxa, A
Publicación editada a partir de decembro de 1981 en Vigo, subtitulada “Revista Galega de Información Xeral”. Dirixida por José A. Otero, contaba cun consello de dirección formado por Agustín Alfaia, Isidro Amoedo, Bernardino Crego e Xosé Mosquera, e cun grupo de colaboradores integrado por Vicente Llorca, David Álvarez, Ramón Somoza, Roxelio Varela e María Xosé Porteiro. Dividiuse nas seccións: “Editorial”, “Política”, “Economía”, “Pensamento”, na que se incluíu unha análise das teses do nacionalismo de Castelao, “Sociedade”, na que se analizaba o papel da televisión en Europa, “Internacional”, “Poesía” e “Música”. Á parte das entrevistas realizadas a distintos persoeiros da vida política e cultural, como Álvarez Gándara, pertencente ao Partido Galeguista, e José Oneto, director de Cambio 16, ofrecía recensións de distintos libros, como o de O atraso económico de Galicia, de Xosé M. Beiras.