curuxo
Peixe mariño de corpo plano, con forma de rombo. De ata 80 cm de lonxitude, está recuberto de pequenas escamas e ten unha coloración variable, dende un gris amarelado ata acastañado con manchas máis claras. Presenta os dous ollos no costado esquerdo, separados e en liña. A boca está disposta de xeito anterior e os orificios nasais son asimétricos. As aletas dorsal e anal percorren todo o contorno do animal e terminan na base da cola. Son animais depredadores, principalmente doutros peixes, de vida bentónica, e repousan sobre o lado dereito, que non presenta coloración, en fondos areosos entre os 2 e 100 m de profundidade. Os exemplares máis novos teñen os ollos en posición normal e nadan libremente ata que o ollo dereito vai mudando a súa posición e o animal pasa a vivir nos fondos. Distribúese polo Océano Atlántico, dende Noruega ata Xibraltar, e polo Mar Mediterráneo. A súa carne é moi apreciada na arte culinaria.