custo

custo

(

  1. [ECON]
    1. s m

      Importe das cargas necesarias para a adquisición ou produción dun ben ou servicio. Distínguese entre custo fixo e variable. O primeiro refírese ao custo dos factores fixos que interveñen no proceso produtivo, como o capital ou a maquinaria. E aínda que, a longo prazo, todos os custos son variables, enténdense como pertencentes a esta clase só os gastos debidos a factores produtivos que, nun curto prazo, varían a súa valoración dependendo da produción.

    2. custo da vida

      Gastos precisos nun determinado momento para manter un certo nivel de vida. Para medilo emprégase un índice que é a expresión sintética dos prezos dos bens considerados básicos. O termo empregado para maior precisión do que representa é o Indice de Prezos ao Consumo (IPC).

    3. custo de transferencia

      Nos procesos de provisión, gastos debidos á compra e traslado das materias primas ao lugar de transformación e produción. Na distribución, gastos de transporte do produto ata o lugar no que se realiza a venda.

    4. custo fixo

      Custo independente do volume de produción.

    5. custo inicial

      Custo que, por definición, é inevitable xa que abrangue os investimentos nos equipos precisos para o inicio do proceso produtivo.

    6. custo marxinal [CMA]

      Custo adicional que resulta dun pequeno aumento na produción. O aumento da produción adicional, en relación co aumento marxinal do custo, determina a elasticidade da curva de custos medios.

    7. custo medio [CM]

      Custo por unidade de produto, resultado do cociente do custo total polo número de unidades producidas.

    8. custo social

      Custo global que ten para a sociedade calquera forma de actividade económica. Por exemplo, a contaminación atmosférica ou dunha corrente de agua a causa da produción ou dun exceso de tránsito, son custos que non se reflicten nos prezos dos bens producidos.

    9. custo variable

      Custo que varía segundo a cantidade producida.

    10. custo xeral

      Custo que resulta da suma do custo fixo e do custo variable e representa o gasto necesario que hai que investir para obter un certo volume de produción.

    11. teoría dos custos comparativos/comparados/relativos

      Tese que trata de explicar as condicións do comercio internacional, formulada por David Ricardo e baseada na división internacional do traballo. Fai referencia ao principio segundo o que, para unhas condicións técnicas determinadas, o produto obtido maximizarase se cada país ou rexión se especializa na produción de bens e servicios que teñan a máxima vantaxe comparativa.

  2. s m

    Esforzo que require a realización de algo.

    Ex: Despois dun gran custo, chegou á meta.

  3. custo por mil [COMUN/ECON]

    Investimento necesario para alcanzar mil individuos dun determinado grupo, a través dun ou de máis medios de comunicación.

  4. custo por pedido [COMUN/ECON]

    Medida de eficacia dunha campaña que se obtén comparando o custo publicitario e o número de pedidos recibidos.

  5. custo por rating [COMUN/ECON]

    Custo medio de cada punto de rating acadado cun plan de medios en función do investimento realizado.

Formas incorrectas

custe