Daily Mail
Diario británico fundado en 1896 polos irmáns Alfred e Harold Harmsworth. Foi o primeiro en incorporar as modernas correntes sensacionalistas e en publicar novas de forte impacto social. O seu éxito foi inmediato, e xa en 1900 a súa tiraxe xa sobrepasaba o millón de exemplares. En 1904 abriu unha sucursal en París co nome de The Continental Daily Mail. Entre os anos 1920 e 1930 converteuse no xornal máis vendido do mundo. A partir de 1960 modificou a súa cabeceira pola de Daily Mail and News Chronicle, e en 1968 tiña unha tiraxe de máis de dous millóns de exemplares. Propiedade de Lord Rothermere, forma parte do grupo Daily Mail & General Trust PLC, xunto coas publicacións The Mail on Sunday e Evening Standard. É, do mesmo xeito ca o Daily Telegraph, un dos principais apoios do Partido Conservador na prensa británica.