Daily Mirror, The
Diario británico fundado en 1903 por Alfred Harmsworth. Concibido nun principio como diario feminista e redactado integramente por mulleres, o seu escaso éxito inicial converteuno nun diario ilustrado de información, o primeiro deste xénero. Posteriormente, mellorou as súas vendas e en 1960 situouse á cabeza das publicacións británicas e do mundo; de feito, en 1968 tiña unha tiraxe de máis de cinco millóns de exemplares. Como xornal de carácter sensacionalista, durante a Segunda Guerra mundial publicou unha serie de viñetas co título de “Jane”, que se converteron no mito sexual de moda da prensa británica. Destacou tamén polos seus artigos de crítica ao sistema capitalista ata finais dos anos setenta. Coa adquisición da maior parte do accionariado por Robert Maxwell, variou a súa liña editorial, aínda que está considerado como un diario independente achegado á esquerda.