Daily Telegraph, The

Daily Telegraph, The

Diario británico fundado en 1855 por Arthur B. Sleigh co nome de Daily Telegraph and Courier, que aos poucos meses foi adquirido por J. M. Levy. Despois dunha gran crise, en 1928 foi vendido aos irmáns Berry, quen reanimaron económica e editorialmente a publicación. En 1937 absorbeu o Morning Post, fundado en 1772. Órgano das clases medias, vinculouse dende os anos trinta ao partido conservador. En 1968 rexistrou unha tiraxe media de máis dun millón de exemplares. Forma parte da empresa editorial Telegraph Group Limited (TGL), que publica ademais The Sunday Telegraph e The Spectator. Á súa vez, o grupo TGL é propiedade de Hollinger International Inc, unha compañía editora con xornais en EE UU, Reino Unido, Canadá e Israel. Por outra banda, pertence á European Dailies Alliance (EDA), un colectivo xornalístico que integra catro importantes medios de comunicación europeos: Le Figaro, de Francia, ABC, de España, e Die Welt, de Alemaña.