daimon

daimon

(< grδαίμων ‘deus, divindade, xenio, demo’)

s m

Poder sobrenatural ou espírito gardián, no pensamento e mitoloxía gregas, asociado ao destino individual dos seres humanos. Este concepto na relixión grega evolucionou co paso do tempo. Segundo testemuñan poetas e filósofos, nesta noción conviven dúas concepcións. Unha entende o daimon como unha especie de espírito divino que acompaña a todo ser humano; máis que dunha divindade propiamente dita, trataríase dun aspecto do poder divino. Sócrates emprega o termo τό δαιμόνιον para denominar o xenio, o sinal divino ou a voz interior da consciencia que guía as accións do home ou algún tipo de instinto que lle axuda a cada persoa a realizar o seu destino. Etimoloxicamente, alude ao espírito que distribúe a cadaquén a súa sorte, e pode ser favorable ou adverso segundo nos conduza cara á boa ou mala sorte. Para Heráclito, o carácter dunha persoa é o seu daimon, é dicir, que a sorte de cada un reside no seu propio carácter. Segundo outros autores, os daimon, encargados de infundirlle prosperidade á humanidade, son un tipo de seres intermedios entre homes e deuses, como se testemuña en Platón. Non obstante , os seguidores deste filósofo relacionárono cun espírito adverso, os demos.