daimio

daimio

(

s m [HIST]

Propietario rural xaponés que durante o s XII, como consecuencia da perda efectiva do poder do emperador, recibiu o goberno dun territorio e asimilouse aos funcionarios militares provinciais. Posteriormente, chegaron a ser señores feudais que actuaban con case total independencia e sostiñan unha tropa constituída por samurais. Despois da Guerra de Onin (1467-1477), o poder fragmentouse e mentres o shōgun mantiña o dominio na capital Kyoto, os daimios fixéronse co goberno das provincias. As frecuentes loitas privadas entre nobres orixinaron a substitución das vellas familias daimio, coñecidas como daimyō shugo, por un grupo de novos daimios que se fixeron co poder axudados polos seus samurais e polo aumento dos impostos que cobraban dos campesiños. Os daimios fixéronse co poder de feito, concentraron a propiedade e estableceron as leis da casa, que fixaban os dereitos e obrigas entre os señores feudais e os seus vasalos. Ademais, o daimio regulaba os mercados, os transportes e determinaba as leis de sucesión. No s XVI, Oda Nobunaga (1534-1582) emprendeu un labor unificador, que continuou Toyotomi Hideyoshi establecendo as bases da centralización. Tokugawa Ieyasu impúxose aos demais daimios a comezos do s XVII, diminuíu os seus poderes e constituíu un estado feudal centralizado sobre a maioría do territorio. O progresivo desenvolvemento da economía mercantil e urbana, dende finais do s XVII, xunto coas medidas emprendidas polos Tokugawa para controlar a nobreza, orixinou a decadencia de boa parte dos daimios no s XVIII. No s XIX, o Emperador Mutsuhito emprendeu unha reforma, coa finalidade de eliminar o poder dos daimios, e despois da restauración Meiji (1868) perderon os seus territorios.