Dakar

Dakar

Capital de Senegal e da rexión homónima, situada no extremo meridional da península de Cabo Verde (1.869.000 h [estim 1994]). A forte inmigración (un 75% da poboación) obrigou á creación de barrios novos, como o de Fann, onde está a universidade máis importante do Estado. Ás funcións administrativa e política engádese a comercial, xa que é o enlace coas rutas entre Europa e África, e entre Europa e América do Sur. Ten un porto moi activo, a través do que exporta os produtos da rexión, principalmente cacahuetes, aceite de cacahuete e fosfatos. Ten instalacións para o abastecemento de carbón e aceites pesados, silos e cámaras frigoríficas. Destaca tamén a pesca, sobre todo a de atún, da que é a principal base africana. A actividade portuaria favoreceu o desenvolvemento da industria, entre a que destaca a fabricación de xabróns e tecidos, produción de aceite de cacahuete e outras industrias alimentarias. Ten estaleiros e unha refinería de petróleo. Ademais de ser o centro político e administrativo do país, é unha metrópole internacional. Ten un aeroporto internacional e un centro de ensino superior, a Universidade de Dakar, fundada en 1949. Cómpre salientar a sona internacional que acadou por ser meta da competición automobilística Rallye París-Dakar. A orixe da cidade foi unha fortaleza francesa construída polo xeneral Faiderbe no ano 1857. En 1895 converteuse en residencia do goberno xeral de África Occidental Francesa (AOF). Durante a Segunda Guerra Mundial, foi fiel ao goberno de Vichy ata 1942, cando se instalou unha base militar aliada. Foi a capital da Federación Mali entre 1959 e 1960, ata que se disolveu. En 1975 foi sede da Conferencia de Países Non-Aliñados. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral do Souvenir Africain e a gran mesquita.