Dalama

Dalama
[ONOM]

Apelido de orixe toponímica formado sobre a base léxica lama e mais a preposición de (neste caso coa forma da, resultado da contracción co artigo feminino a), indicadora de lugar de procedencia, residencia ou nacemento do individuo a quen se lle aplicou na súa orixe. Documéntase no s XIV: “Gonçaluo Fernandes da Lama” (doc ano 1396, Clarinda de Azevedo Maia História do galego-português. Estado linguístico da Galiza e do Noroeste de Portugal do século XII ao século XVI, 1986, p 166), “Pedro da Lama” (doc ano 1471 en Emilio Duro Peña, Catálogo de los documentos privados en pergamino del Archivo de la Catedral de Orense (888-1554), 1973, p 333). Adoita grafarse Da Lama. A voz lama -apelativo ou topónimo- é de orixe prerromana, aínda que non se sabe con certeza de ónde procede. Pola súa extensión xeográfica semella porvir do substrato prerromano ambro-ilirio-lígur. Na toponimia peninsular atópase frecuentemente ao noroeste dunha liña imaxinaria que uniría o esteiro do Texo co golfo de Biskaia; fóra da Península, aparece no Piemonte, Lombardia, Veneto, Emilia, Toscana, Apulia e Córsega (territorios ilíricos). Como apelativo está máis estendida, xa que tamén se atesta no sur de Francia e na costa do Mar Báltico. A vía de chegada desta voz foi probablemente o latín, xa que os dicionarios latinos a rexistran como termo raro e case non empregado por ningún autor clásico, agás Ennio e Horacio que eran de orixe iliria.