Dalí i Domènech, Salvador

Dalí i Domènech, Salvador

Pintor, decorador, artista gráfico e escritor. Formouse con Ramón Pitchot, que o introduciu no impresionismo, e despois con Juan Núñez en Figueres. En 1921 ingresou na Escuela de Bellas Artes de San Fernando e na residencia de estudiantes coñeceu a Federico García Lorca, Luis Buñuel e outros membros da Xeración do 27. Interesouse nun primeiro momento polo cubismo e pola obra de Juan Gris para despois rexeitalo e achegarse á pintura metafísica. En 1922 expulsárono da escola de belas artes e en 1924 foi arrestado en Girona baixo a sospeita de axitación política. En 1925 realizou a súa primeira exposición universal nas galerías Dalmau de Barcelona. Ese mesmo ano regresou á escola de belas artes, da que foi definitivamente expulsado ao ano seguinte, e viaxou a París, onde coñeceu a Picasso. A pintura dos seus primeiros anos, o Manifest Groc (1928), os seus artigos, en revistas como L’Amic de les Arts, e as súas conferencias (1930), provocaron reaccións violentas entre os conservadores e os anarquistas. Na súa segunda viaxe a París (1929), Miró presentoulle os surrealistas e integrouse no grupo. Coñeceu tamén a muller de Paul Eluard, Helena D. Diakonova (1894-1982), coñecida como Gala, que se convertería na súa muller e musa. En 1939 trasladouse aos EE UU e alternou as súas estancias con longos períodos en Portlligat, paisaxe que se converteu no leitmotiv da súa obra. Nos EE UU mantivo unha actividade á marxe da ortodoxia surrealista, grupo do que foi expulsado, acusado de fascista sobre todo por André Breton, quen criticou a súa actitude co anagrama Avida Dollers. Regresou a España en 1948 e seguiu, segundo el, a tradición espiritual de Zurbarán, Murillo, Valdés Leal e os grandes místicos da literatura castelá. A conferencia “Por qué fui sacrílego, por qué soy místico?” no Ateneu Barcelonés (1950), a súa actitude e os matizados eloxios públicos que fixo de Picasso, orixinaron unha polémica (1951-1952) que contribuíu a iniciar unha certa liberalización do concepto oficial da arte. Ademais da súa personalidade orixinal e o seu talento, o escándalo e a propaganda montada cunha grande habilidade contribuíron á súa excepcional resonancia. A súa pintura, que partiu do novecentismo e pasou por unha etapa de tendencia cubista, respondeu ao que el mesmo denominou método paranoico-crítico e caracterizouse pola representación, influída pola pintura metafísica, de escenas oníricas realizadas cunha extraordinaria minuciosidade técnica. Destacan as súas obras Persistència de la memòria (Rellotges tous) (Persistencia da memoria (Reloxos moles), 1931), Presagi de la Guerra Civil. Construció tova amb mongetes cuites (Presaxio da Guerra Civil. Construción mol con fabas fervidas, 1936), Autoretrat amb bacó fregit (Autorretrato con touciño fritido, 1941) e diversas variacións sobre El angelus de Millet. A súa estancia en Italia durante a Guerra Civil, inaugurou unha etapa na que predominaron os temas relixiosos, históricos e alegóricos, entre outras obras, sobresaen Temptació de sant Antoni (Tentación de santo Antonio, 1947), Leda atómica (1949), La Mare de Deu de Portlligat (A virxe de Portlligat, 1950), Crist de sant Joan de la Creu (Cristo de san Xoán da Cruz, 1950), Descobriment d’Amèrica per Cristòfor Colom (Descubrimento de América por Cristovo Colón, 1959) e Batalla de Tetuán (1962). Neste período acadou os xogos visuais máis espectaculares en Bust de Voltaire (Busto de Voltaire, 1941) e Retrat del meu germà mort (Retrato do meu irmán morto, 1936). O interese polos efectos visuais aumentou en etapas sucesivas e levouno ao emprego da holografía e á realización de pinturas estereoscópicas, como La cadira (A cadeira, 1975). Colaborou con Buñuel na realización da película Un chien andalou (Un can andaluz, 1928) e L’âge d’or (A idade de ouro, 1930) e en Spellbound (Lembra, 1945) de Alfred Hitchcock, na que realizou a escena do sono. Foi autor das películas L’aventure prodigieuse de la dentellière et du rhironcéros (A aventura prodixiosa da dentadura e do rinoceronte), inacabada, e Impressions de la Haute Mongolie (Impresións da Alta Mongolia, 1975). Fixo a escenografía e os figuríns de moitos ballets, como Baccanal (Nova York, 1939); Labyrinth (Nova York, 1941), de Léonide Massine; e Mad Tristan (Nova York, 1944), dos que tamén fixo o libreto; Sentimental Colloquy (Nova York, 1944); e Salomé (Londres, 1949), de Peter Brook. No teatro colaborou con Visconti en Rosalinda ou As you like (Como ti queiras, Roma, 1949) e con Luis Escobar en Don Juan Tenorio (Madrid, 1949). Cultivou o cartelismo, ilustrou libros, como A divina comedia (1953) e Don Quijote (1957), e deseñou xoias, esculturas e obxectos diversos. Destacan os seus libros The Secret Life of Salvador Dalí (A vida secreta de Salvador Dalí, 1942), Fifty Secrets of Magic Craftsmanship (Cincuenta segredos da artesanía máxica, 1948), Journal d’un génie (Diario dun xenio, 1954), Le mythe tragique de l’Angelus de Millet (O mito tráxico do Angelus de Millet, 1963) e a novela La femme visible (A muller visible, 1930). A partir de 1970 dedicouse á montaxe dun museo monográfico propio que se inaugurou en 1974 co nome de Teatre-Museu Dalí, onde está soterrado baixo a cúpula xeodésica que domina o edificio. Trala morte de Gala (1982), viviu retirado e recluíuse nun reducido grupo de colaboradores. O 23 de decembro de 1983 constituíu no Castell de Pubol a Fundació Gala-Salvador Dalí, que coida do seu legado e xestiona, ademais do de Figueres, a Casa-Museu Castell Gala Dalí de Pubol e a Casa-Museu Salvador Dalí de Portlligat.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Figueres

  • Deceso