damán

damán
s m

Mamífero pertencente aos xéneros Procavia, Heterohyrax e Dendrohyrax, da familia dos procávidos. Presenta un corpo groso, cola reducida, fociño curto e orellas pequenas e arredondadas. Trátase dun animal herbívoro que conta cun complexo aparato intestinal, dividido en tres cámaras, que lle permite a dixestión da celulosa. Os ouriños do damán presentan unha alta concentración de urea, carbonato cálcido e outras substancias de excreción, feito que lle permite subsistir con pequenas cantidades de auga. Ten taxas metabólicas baixas e presenta unha escasa actividade que desenvolve durante as horas de luz; gústalle poñerse ao sol e estar en contacto estreito cos outros compoñentes do grupo, feito que lle axuda na termorregulación. Encama en pedregais, lugares que constitúen un bo refuxio e presentan menos humidade ca o chan. Os grupos familiares están formados por un macho adulto, que rexeita a presenza doutros machos, as femias e as súas crías. Outros machos viven no contorno dos grupos e copulan con femias novas á espera de ocupar o lugar do macho dominante. Os machos nacidos no grupo teñen que abandonar a familia ao redor dos dous anos de idade. As femias crían unha vez ao ano despois dunha xestación de 8 meses. En cada parto teñen entre 1 e 4 crías que nacen moi desenvolvidas. As nais destetan as súas crías aos 5 meses e acadan a madureza sexual ao ano e medio. Deprédanos principalmente as aguias e os grandes carnívoros, como hienas, chacais, leóns e leopardos. O xénero Procavia, denominado popularmente damán da rocha, é de cor castaña escura, acada os 54 cm de lonxitude e vive en zonas rochosas do sudoeste e nordés de África. Pertencen a este xénero o damán abisinio (Procavia habessinica), o damán do Cabo (P. capensis), o damán común (P. johnstoni), o damán de Kaokoveld (P. welwitschii) e o damán de cabeza vermella (Proca ruficeps). O xénero Heterohyrax, denominado popularmente damán das matogueiras, é de cor cinsenta, co ventre branco e cunha mancha amarela no lombo, e poden acadar os 47 cm de lonxitude. Habitan en zonas de monte baixo do sueste, sudoeste e nordés de África. Pertencen a este xénero o damán de Ahaggar (H. antinae), o damán gris (H. brucei) e o damán de Matadi (H. chapini). O xénero Dendrohyrax, denominado popularmente damán arbóreo, presentan cor castaña e unha mancha amarela no lombo, e pode acadar os 60 cm de lonxitude. Habita en bosques africanos de folla perenne. Pertencen a este xénero o damán arbóreo oriental (D. validus), o damán arbóreo meridional (D. arboreus) e o damán arbóreo occidental (D. dorsalis).

Palabras veciñas

damado -da | Damalinia | Damaliscus | damán | Daman e Diu | Damanhūr | dámar