Damasco

Damasco

Capital de Siria e do mu ḥ āfaa homónimo, situada no extremo occidental do deserto de Siria, ao pé do monte Qāsyūm, preto das fallas orientais do Antilíbano, drenado polo río Baradā (1.549.932 h [estim 1994]).
Xeografía
Damasco foi durante séculos un importante centro comercial, coñecido polos seus froitos secos, o viño, a la e a seda, así como por ser o núcleo de elaboración do damasco, variedade de tecido en seda bordada de excelente calidade. A cidade, rodeada de hortas de froiteiras, cunha área intermedia de cereais e oliveiras, é un próspero enclave comercial entre Oriente e Occidente. Pouco tempo despois de que se producira a independencia de Siria (1946), a cidade tiña 303.952 h; na segunda metade do s XX experimentou un incremento moi rápido, dunha media do 5,5% anual. Posúe industrias artesanais (tapices, obxectos de metal, madeira e perfumes), así como industria algodoeira, da seda, la, aceiteira, tabaqueira e do cemento. Ten aeroporto internacional. O seu centro de ensino superior, a Universidade de Damasco, fundouse en 1923. É residencia do patriarca sirio xacobita e do grego ortodoxo, ambos os dous titulares de Antioquía.
Historia
Damasco estivo integrada no reino de Israel (s X a C) ata o establecemento dunha dinastía aramea autónoma (s IX a C), que foi derrocada por Asiria no 733 a C. Despois foi sucesivamente conquistada polos babilonios (s VII a C) e polos persas (s IV a C). Ocupada por Alexandre o Grande (322 a C), pasou a ser un dos principais centros da dinastía dos seléucidas, ata que pasou a poder romano trala conquista de Pompeio (64 a C). Como centro dunha comunidade xudía, a historia de Damasco vai tamén unida á conversión de san Paulo, quen se dirixía a Damasco coa intención de apresar cristiáns e onde foi bautizado por Ananías. Trala desintegración do Imperio Romano foi sede dun importante bispado bizantino ata que foi ocupada polos árabes (635), que a transformaron en capital do califato omeia no 661. No 750, os abasidas fixeron de Damasco a capital dun amplo imperio islámico, sucesivamente dominado polos tulunís, ikhshidís, fatimís e selxúcidas. Malia que os cruzados chegaron ás súas portas en 1148 non conseguiron dominala; sen embargo, non puido resistir os ataques de Tamerlán no 1401. Logo dun período no que a cidade estivo baixo o control mongol, foi ocupada polos turcos otománs no 1516 e permaneceu no seu poder ata 1918, agás un breve período (1832-1840) no que estivo sometida polos mamelucos de Exipto. No 1860 os musulmáns e os drusos provocaron unha matanza de cristiáns que motivou a intervención dalgunhas potencias europeas. Durante a Primeira Guerra Mundial foi a base das tropas turco-alemanas que operaban contra o Canal de Suez, ata que o xeneral Allenby a conquistou para os aliados (30.9.1918). Centro do nacionalismo panárabe de oposición á dominación turca, foi o lugar elixido polo Emir Fay ṣ āl para proclamarse rei de Siria o 8 de marzo de 1920; sen embargo, o 24 de xullo de 1920 foi ocupada polos franceses, que estableceron nela a capital do protectorado de Siria. Dende o 17 de abril de 1946, data na que Francia recoñeceu a independencia da República de Siria, converteuse na capital do país.
Patrimonio cultural

Consérvanse numerosas obras arquitectónicas que testemuñan as principais épocas da súa historia: no ano 1950 descubriuse un asentamento do IV milenio a C. Da época grega permanece a ágora e un pórtico, e da romana o acueduto e tres arcos de triunfo. A gran mesquita omeia mandouna contruír o Califa al-Walīd I (705-715) nun lugar de culto milenario. As murallas defensivas, erixidas cara á fin do s XII, foron reconstruídas polos mamelucos, quen tamén alzaron o palacio Qa ṣ r al-Ablaq. A mesquita turca de Sulayman Kanuni data de 1555. Destaca tamén o palacio construído en 1749 polo gobernador Dasha al-Aznī, sede do Museo Nacional fundado en 1921 e proxectado para a conservación do seu patrimonio, e no que, entre outras coleccións, cómpre salientar as referidas a Palmira, Mari e Dura Europus. O núcleo histórico da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1979.