Damonte, Raúl

Damonte, Raúl

Debuxante, dramaturgo e actor. Coñecido como Copi, inicialmente colaborou en revistas satíricas arxentinas. En 1962 trasladouse a París onde colaborou no Nouvel Observateur. Nesta cidade traballou con outros creadores teatrais como Jorge Lavelli, Víctor García ou Fernando Arrabal. As súas creacións escénicas tiñan como obxectivo a desmitificación da sexualidade e a presentación e análise en escena de todo tipo de tópicos e tabús relacionados co sexo, principalmente coa homosexualidade, e os prexuízos que provocan. Entre as súas propostas máis innovadoras hai que citar Santa Genoveva en la bañera (1966), que interpretaba un actor nu nunha bañeira, L’homosexuel ou la difficulté de s’exprimer (O homosexual ou a dificultade de expresarse, 1971), Loretta Strong (1974) ou La nuit de Madame Lucienne (A noite de madame Lucienne, 1984). En 1987 recibiu en París o Premio Nacional de Literatura Dramática, e en 1988 apareceu, postumamente, a súa obra Una visita inoportuna, na que trata o tema da SIDA. Escribiu tamén novelas e narracións nas que é constante a presenza dun humor absurdo e corrosivo.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Bos Aires

  • Deceso

    Lugar : París