Dans Boado, María Antonia
Pintora. A súa infancia transcorreu en Curtis ata que en 1939 se trasladou á Coruña, onde comezou a debuxar e pintar da man de Dolores Díaz Baliño. As súas primeiras obras foron retratos, paisaxes e naturezas mortas realizadas coa técnica da acuarela. En 1950 fixo a súa primeira exposición e en 1952, tralo seu casamento co xornalista Celso Collazo, trasladouse a Madrid, onde estudiou no Círculo de Bellas Artes e na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Ampliou a súa formación coas bolsas do ministerio de Educación Nacional (1954) e da Fundació Joan March (1959) e viaxou a Italia. Influenciada pola Escuela de Madrid, centrouse na paisaxe e, en concreto, na galega, tanto rural coma mariñeira. Ademais realizou tipoloxías populares e temas aldeáns, retratos e pequenas escenas portuarias. Nas súas primeiras obras empregou a acuarela, despois traballou o óleo. A súa pintura caracterizouse pola sinxeleza, por unha linguaxe elemental, na que utilizou cores vermellas, azuis e amarelas de orixe fauvista, e por unha distorsión da perspectiva que levou a cualificar a súa obra como naif, inxenuísta ou primitivista. Destaca, entre outras obras, Prados de Curtis (1969), As dúas vendedoras (1970), O Berbés (1975), Verdureiras, Casas de Betanzos, Maternidade, Retrato de Rosalía, Muller con manzás (1974), Muller con queixos (1975) e Bodegón con froitas e cadeira (1984?). Realizou, entre outros, os murais do Hotel Wellington de Madrid, da igrexa de Meirás, do xornal Pueblo e do Parador Nacional de Turismo de Baiona. Ilustrou, entre outros libros, La historia de Java (1961), de Elisabeth Mulder; El gato con los ojos de oro (1965), de Marta Ossorio; La isla de las tortugas (1964), de Amado Gracia, e El Hostal de los Reyes Católicos en la historia de Santiago (1968), de Carmen Debén. Destacan, entre outras exposicións, as realizadas na Galería Alcor (1954), primeira mostra madrileña, no Ateneo de Madrid (1959), na Galería Biosca (1970) e na sala da Dirección General de Bellas Artes de Madrid (1962), ademais das exposicións póstumas do Centro Cultural Caixavigo (Vigo, 1989) e da Fundación Barrié de la Maza (1999). Entre os galardóns que recibiu cómpre salientar o Premio da Vila de París (1963) pola obra Vendedora de panes, o Premio Unicef e o Premio Repesa (1970).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Oza dos Ríos -
Deceso
Lugar : Madrid