Dans Mayoral, Raúl
Autor dramático e guionista. Comezou a súa actividade teatral como actor nos grupos Tespis e Compañía Luís Seoane e protagonizou, en 1988, O mozo que chegou de lonxe do Centro Dramático Galego. Como escritor é un dos máis relevantes autores da denominada Xeración dos 90. Aínda que a súa primeira incursión na escrita dramática é Sopa de estrelas, estreada en 1988 pola compañía Salamántiga, seguida de Waterlook, publicada na revista Ólisbos en 1990, deuse a coñecer con Matalobos, Premio Rafael Dieste de Literatura Dramática da Deputación da Coruña no ano 1993, estreada pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago en 1994. Nese ano recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro de Teatro por Lugar, aínda que non foi estreada ata o ano 1999 polo Centro Dramático Galego. Estruturalmente complexa, sobre todo no que se refire aos saltos espaciais e temporais, o núcleo argumental da obra xira arredor da historia dun encoro que anega un territorio chamado Lugar. Con Estrema, finalista do Premio Rafael Dieste de 1998, o autor indaga nas complexas relacións entre os ámbitos urbano e rural, dualidade plasmada metaforicamente en dous personaxes chamados simplemente Home Esquerda e Home Dereita. Esta carencia de nome propio reflíctese tamén en Derrota, peza publicada en 1999 e gañadora do Premi Born de Teatre en 1997. Apareceron tamén en 1999 Cita co diaño, gañadora do Premio de Teatro Cidade de San Sebastián en 1995, e O paso. No 2000 publicouse Foreber, como separata da Revista Galega de Teatro. Esta peza caracterízase, ao igual que moitas das súas obras anteriores, por ter un reducido número de personaxes e por investigar na condición humana, desta vez cun forte sentimento de opresión e encerro. No mesmo ano 2000 apareceu tamén na revista Casahamlet un texto moi breve: Algo gracioso, no que o autor fai unha parodia galeguizada e contemporaneizada de Hamlet.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : A Coruña