Dante Alighieri
Poeta. Pertencente á burguesía güelfa, foi discípulo de Brunetto Latini e amigo de Guido Cavalcanti. Participou na Batalla de Campaldino (1289) e foi un dos seis maxistrados de Florencia. En 1300 uniuse ao bando güelfo dos brancos fronte ao Papa Bonifacio VIII, nese mesmo ano actuou como embaixador en San Gimignano e en 1301 encabezou unha embaixada a Roma para ofrecerlle a paz ao papa. Tralo triunfo dos güelfos negros, foi expulsado de Florencia e condenado a pagar unha sanción; ao non facela efectiva, non puido regresar á cidade e exiliouse. Viviu no norte de Italia e París e, posteriormente, trasladouse a Verona onde se relacionou con Bartolomeo della Scala e en Lunigiana cos Malaspina. Ao non aceptar as condicións que impuña Florencia para o seu regreso, continuou en Verona, baixo a protección de Can Grande della Scala, ata que se trasladou a Ravenna protexido por Guido Novello da Polenta. Da súa obra en latín destaca De vulgari eloquentia (Sobre a elocuencia vulgar, 1304-1307), estudo dos dialectos romances que se falaban na Italia do momento, coa finalidade de atopar unha lingua literaria común que competise co latín; De monarchia (Sobre a monarquía, 1310-1314), tratado político no que traza a súa evolución ideolóxica desde o partido güelfo dos brancos ata o dos xibelinos, defensores dun imperio independente do papa; dúas Eglogae, a imitación das virxilianas; trece Epistulae (Epístolas), dirixidas a distintos destinatarios, entre as que destacan as que escribiu para apoiar a Enrique VII á súa chegada a Italia e, sobre todo, a dedicada a Can Grande della Scala, na que explica aspectos fundamentais da Divina Commedia (A divina comedia); e a Questio de aqua et terra (Disputa sobre a auga e a terra), tratado de física no que se debate se a superficie das augas é maior ca a da Terra. Da súa produción en lingua vulgar conservamos Convivio (O banquete, 1304-1307), obra doutrinal concibida en forma de comentarios a diversos poemas, nos que se ocupa de múltiples temas, entre os que destacan unha exposición sobre os catro sentidos das escrituras, un eloxio da sabiduría ou unha reflexión sobre a esencia da nobreza; Rime (Rimas), compilación poética póstuma; Vita Nuova (Vida nova, 1292-1293), composta en prosa e verso, na que narra a historia do amor que sentiu por unha muller á que chama Beatrice, ao mesmo tempo que reflicte a súa evolución formal desde o estilo toscano dos seus primeiros poemas ata a aceptación do dolce stil novo; e, por último, a Divina Commedia.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Florencia -
Deceso
Lugar : Ravenna