Danti
Familia de artistas e científicos italianos. Giulio Danti (Perugia 1500 - 1575) arquitecto e ourive, traballou no palacio dos Priores en Foligno e, entre outras obras, realizou o tabernáculo da igrexa inferior de Asís. O seu fillo Vicenzo Danti (Perugia 1530 - 1576), arquitecto, escultor e tratadista, foi discípulo de Ammanti. Traballou en Florencia e Perugia, onde foi profesor na Accademia del Disegno e arquitecto municipal. Cultivou un manierismo estilizado, influenciado pola admiración á obra de Michelangelo. Entre as súas obras destacan o bronce Degolación de san Xoán Bautista (1571), na porta sur do baptisterio da catedral de Florencia, e a figura de bronce do Papa Xulio III, situado en Perugia. Escribiu o primeiro volume do Tratado das perfectas proporcións (1567). O seu irmán Ignazio Danti (Perugia 1536 - Alatri 1586), matemático e tratadista, foi matemático do Papa Gregorio XIII. Realizou mapas de Italia e publicou, xunto cun comentario, a obra de Vignola Dúas regras da perspectiva práctica (1583). O seu irmán Girolamo Danti (Perugia 1547 - 1580), pintor, traballou no Vaticano na galería dos mapas.