Danubio

Danubio

Río de Europa Central que nace no macizo montañoso da Selva Negra (Alemaña) a 1.078 m de altitude, preto de Donaueschingen, e desemboca no Mar Negro despois dun percorrido de 2.860 km. No seu curso presenta aspectos diferentes segundo atravesa a Selva Negra. O curso alto encaixa na plataforma calcaria de Suabia e na zona rochosa da selva de Baviera; augas abaixo o río discorre en dirección NO e atravesa o antigo macizo cristalino de Bohemia; é amplo nas zonas aluviais e estreito e profundo nas zonas de rocha máis dura, nas que aparecen grandes depresións, como a de Ulm e Ingolstadt. No curso medio, o Danubio convértese nun río de chaira, forma a liña divisoria entre Eslovaquia e Hungría, atravesa a conca de Panonia e recibe as augas do seu grande afluente, o Tisza; cando retoma a súa dirección xeral O-L, o curso do río forma grandes meandros. Máis adiante pasa polo extremo meridional dos Cárpatos, onde serve de fronteira entre Romanía e Iugoslavia. Finalmente, na conca de Valaquia, onde serve de fronteira entre Romanía e Bulgaria, diríxese ao Mar Negro, onde desemboca nun amplo delta. Como todos os ríos que nacen nos Alpes, o seu caudal de auga é regular e abundante. Esta regularidade asegura unha importante navegación xestionada por unha complicada organización internacional, a Comisión do Danubio. Dende o Paleolítico, o Danubio foi unha importantísima vía de comunicación europea, como o proba a civilización danubiana (4.000-3.500 a C); máis tarde, serviulle de límite ao Imperio Romano, que dende o s III d C o dotou de numerosas fortificacións. Durante a Idade Media, os pobos nómades cruzaron o Danubio e invadiron o Imperio Romano. No s VII formouse o reino búlgaro, na marxe dereita do baixo Danubio, e a futura Romanía, na marxe esquerda. Os maxiares ocuparon a parte central e na parte alta constituíuse Austria. O río serviulles de ruta aos cruzados que ían cara a Constantinopla e Terra Santa, e foi unha das principais rutas comerciais europeas durante a Baixa Idade Media. Dende o s XIV, os turcos otomanos penetraron cara a Europa Central e Occidental polo val do Danubio. No s XIX converteuse nun vínculo entre os centros industriais alemáns e as áreas agrícolas dos Balcáns, xa que atravesaban o Imperio Austríaco. Despois da Guerra de Crimea asinouse o Tratado de París (1856), polo que unha comisión europea asumiu o control sobre a rexión do delta, que quedaba fóra do dominio do Imperio Otomano, e autorizou a realización dunha serie de cambios no delta e na parte baixa do curso do río que favoreceron a navegación. Polo Tratado de Versailles (1919), confirmouse a comisión europea e estableceuse unha nova para o control do río por riba do delta. O réxime nazi controlou a totalidade do río entre 1940 e 1944, pero despois da Segunda Guerra Mundial constituíse unha nova comisión formada polos países do bloque comunista bañados polo Danubio, con sede en Budapest. Os proxectos hidroeléctricos de Hungría e Checoslovaquia nos anos setenta, que só se desenvolveron no S de Eslovaquia coa construción da presa de Gabcikovo na década dos oitenta, orixinaron unha longa disputa entre ambos os estados e provocaron graves danos na chaira húmida de Szigetkpoz. O canal Rin-Main-Danubio (inaugurado en 1992) converteu o Danubio nun importante eixe de comunicacións.