Danzante, El
Semanario editado na Coruña a partir de 1879. Fundado e dirixido por Romualdo Real Vázquez, subtitulouse en sucesivas etapas “Periódico satírico político”, “Periódico satírico semanal” e “Periódico satírico”. Imprimiuse nos obradoiros tipográficos de La Voz de Galicia, aínda que a partir do nº 164, o 12 de xuño de 1884, editouse nos talleres de V. Abad. A portada ocupaba toda a primeira páxina e nela debuxábase unha caricatura cun pequeno texto no que se criticaba algún aspecto relixioso ou político. Contiña diversos artigos e seccións: “Can-can”, “Sección negra”, “Ecos teatrales”, “Sección cantable”, “Espectáculos” e unha “Sección de anuncios” na última páxina. Na súa terceira época, en xaneiro de 1884 (nº160), incluíronse os apartados: “Desde el domingo”, “Charada”, “Epigramas” e “Correspondencia”. Defensora dos ideais republicanos, trátase dunha publicación de carácter humorístico na que apareceron numerosos artigos críticos, dirixidos especialmente contra a deputación, os políticos conservadores e a Igrexa.