Temas
Semanario de información xeral fundado no ano 1971 en Madrid polo grupo Información y Publicaciones S A, do que foi presidente Luis González Seara. Aínda que nun principio se dedicaba exclusivamente a temas económicos e financeiros, co tempo introducíronse contidos sociais e políticos. Por mor da súa orientación política e da súa oposición á ditadura e á Lei de Prensa de 1966, sufriu diversas sancións e secuestros das tiraxes. O seu obxectivo era democratizar a prensa española. Conseguiu un gran prestixio polo ritmo áxil e anticonformista das súas informacións; de feito, rexistrou un dos índices de impresión máis altos da prensa española nos anos setenta con máis de 550.000 exemplares. En 1976 a mesma empresa editora sacou ao mercado o xornal Diario 16 e, pouco tempo despois, a revista dedicada a temas históricos Historia 16. Desde 1983 participou, coa Cadena Ser, na cadea de emisoras Radio Minuto.
Semanario publicado en Lugo a partir do 2 de xaneiro de 1933. Fundado por Antonio Rodríguez Acuña, foi o voceiro da Juventud de la Unión Regional de Derechas (URD) de Lugo. Seguindo a liña da organización á que estaba adscrita, caracterizouse por un catolicismo militante e idealista e por unha radicalización das ideas. Algúns dos seus números foron obxecto de denuncia e censura por mor dos seus contidos.
Semanario aparecido en Vilagarcía de Arousa en 1884. Fundado e dirixido por Xosé R. Paratcha, saía todos os sábados.
Semanario de información xeral editado en Vigo dende 1993. Dirixida por Francisco Gómez-Soto, conta con correspondentes na maioría dos países europeos e americanos onde residen os emigrantes galegos. Inclúe ademais achegas literarias e conta coa colaboración de destacados escritores e intelectuais de Galicia.
Semanario de carácter republicano editado en Celanova entre os anos 1895 e 1896. Foi o substituto de El Correo de Celanova, publicado no período 1893-1895.
Semanario dos Padres Franciscanos que se publicou en Ourense dende 1943 ata 1945. O seu director foi o P. José Mª Guillén Rey. No sumario figuran as seccións “Pedagogía y catequesis”, “Liturgia” e “Miscelánea”. Entre os redactores destacan Aurora Maceda, Andrés Herranz, Agustín Rodríguez, Josefa Rodríguez e Germán Yáñez. O grupo de colaboradores estaba integrado por Vicente Risco, José Mª Ciorda, Amparo F. Noguerol ou José Mª Parente. Trátase dunha folla semanal de información que co tempo se converteu nunha revista mensual de formación relixiosa.
Semanario publicado na Pobra do Caramiñal a partir do 30 de abril de 1916. Cesou o 25 de marzo de 1917 (nº44). Subtitulado “Semanario crítico. Órgano del Partido Obrero” e de contido anticaciquil, estivo baixo a dirección do militante socialista Antonio Ferreiro, delegado da Sociedad Marítima La Naval na Ría de Arousa e fundador de numerosos colectivos obreiros e agrarios na bisbarra. Baixo o lema “La crítica purifica el ambiente de la verdad mal traída. Todos para uno, uno para todos. La Unión es fuerza”, incluíu información política e colaboracións literarias.
