Dar es Salaam
Capital da rexión homónima, en Tanzania, situada na entrada S do canal de Zanzíbar (1.360.850 h [estim 1994]). É un importante porto comercial que efectúa máis da metade das exportacións do país. Os principais produtos son o sisal, os cacahuetes, o café e a fibra de algodón. A industria máis destacada é a alimentaria, a téxtil, a do tabaco, o xabrón, o calzado, o moble e as refinerías de petróleo. A poboación incrementouse notablemente desde mediados dos anos corenta (69.227 h [estim 1948]), debido a que recibiu numerosos inmigrantes africanos, europeos, asiáticos (sobre todo de orixe hindú) e árabes; este feito fai que sexa unha das cidades con maior diversidade cultural e étnica de África. O centro de ensino superior é a University of Dar es Salaam, creada en 1961. A cidade fundouna no s XVII o sultán de Zanzíbar no sitio da aldea de Mzizima. A Deutsche Ostafrikanische Gesellschaft administrou a cidade entre 1885 e 1916, ano no que foi ocupada polo Reino Unido. É a capital de Tanzania dende que esta proclamou a súa independencia en 1961; sen embargo, en 1972 o presidente do país, Julius K. Nyerere, decidiu trasladar a capital do Estado á cidade de Dodoma. Debido á escaseza de fondos para executar este plan, o traslado aprazouse: unha primeira medida foi o traslado do Parlamento, efectuado en 1996.