Darién, golfo do
Golfo do Mar Caribe, situado entre a costa de Panamá e Colombia. Na época precolombina os indios chibchas habitaban as súas beiras. Inicialmente Pedro de Bastidas e, máis tarde, Vasco Núñez de Balboa (1501) exploraron as súas costas. Os conquistadores Martín Fernández de Enciso e Balboa fundaron Santa María la Antigua del Darién (1511) e ocuparon un territorio densamente poboado por grupos de amerindios xa desaparecidos. A exploración do territorio concluíu cando Balboa atravesou o istmo e chegou ao Pacífico (1513). A dureza das condicións impostas polos españois orixinou importantes movementos de poboacións indíxenas na rexión do Darién, na que se asentaron dende o s XVI os cunas e durante o s XVIII a cultura dos chocó. As reiteradas rebelións indíxenas de 1714, 1727, 1754, 1766 e 1775, xunto coas recomendacións do arcebispo e vicerrei Caballero y Góngora, motivaron o abandono da comarca en 1789. Logo da independencia, o golfo permaneceu baixo a administración da Gran Colombia, que a repartiu en 1903 con Panamá.