Darriba, Luz

Darriba, Luz

Artista plástica. Estudiou belas artes en Bos Aires e ampliou a súa formación con bolsas de estudo en Arxentina, España, Francia, Italia e Alemaña. Dende 1990 vive e traballa en Galicia. En 1999 comezou a traballar no proxecto Cumulum “Muralla de libros” coa finalidade de rodear a Muralla de Lugo cunha estrutura metálica forrada con medio millón de libros. Esta instalación, que contribuíu á declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, foi a maior obra do mundo realizada con libros. Con este mesmo material realizou a instalación Libres aves des livres (Libres cos libros) coa que cubriu columnas, paredes e teitos da Maison da UNESCO de París (2000); cubriu a fachada exterior da Casa de Galicia en Madrid (2000); e, co patrocinio da UNESCO e do concello de Madrid, cubriu a Puerta de Alcalá (2001), proxecto que formou parte de Madrid, Capital Mundial del Libro. Realizou numerosas exposicións individuais e participou en mostras colectivas en Hispanoamérica e Europa. Preside a Fundación CUMULUM e recibiu, entre outros galardóns, o Gran Premio Fondo Nacional de las Artes (Arxentina), o Primeiro Premio de Gravado do Museo Provincial de Ourense, o Premio Plástica Latina (París), o Premio Medusa Aurea da Accademia Internazionale d’Arte Moderna de Roma, o Premio Extraordinario Muralla de Lugo, o Premio Voces del Año e Lucense do ano.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Montevideo