Dart, Raymond Arthur
Médico e antropólogo australiano. Logo de estudar ciencias en Queensland, diplomouse en Medicina na University of Sydney. Trala Primeira Guerra Mundial, trasladouse ao Reino Unido, onde traballou como profesor de anatomía na University College de Londres. En 1923 foi nomeado director do departamento de Anatomía da facultade de Medicina de Witwatersrand (Johannesburg), posto que ocupou ata 1959. Debido ás responsabilidades adquiridas na universidade sudafricana, está considerado como o fundador das ciencias médicas en África do Sur. O 7 de febreiro de 1925 anunciou na revista Nature o descubrimento dun cranio infantil procedente das canteiras de Taung (polo que se coñece como Neno de Taung), que adscribía a unha nova especie (Australopithecus africanus) e que consideraba como un antepasado remoto da humanidade. Malia que os descubrimentos realizados por Robert Broom a partir de 1936 demostraron a certeza da súa teoría, foi fortemente criticado e non conseguiu que a comunidade científica occidental aceptase os australopitecos como antepasados dos humanos ata 1947 (ano no que se demostrou a fraude de Piltdown). Interpretou os fósiles fracturados de Makapansgat como a evidencia dunha cultura entre os australopitecos denominada osteodontocrática (baseada no manexo de mandíbulas de herbívoros e de ósos de mamíferos como artefactos); ademais, atribuíalle ao Australopithecus prometheus a capacidade de facer lume. Entre as súas obras cómpre destacar Australopithecus africanus: the Man-Ape of South Africa (Australopithecus africanus: o home-mono de África do Sur, 1925) e The Osteodontokeratic Culture of Australopithecus prometheus (A cultura osteodontocrática do Australopithecus prometheus, 1957) e, en colaboración con Dennis Craig, Adventures with the Missing Link (Aventuras co elo perdido, 1959).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Brisbane -
Deceso
Lugar : Johannesburg