dátil

dátil

(

s m [BOT]

Froito en baga da palmeira datileira, de forma elipsoidal prolongada, duns 4 cm de lonxitude por dous de anchura. O epicarpo é de cor amarela; o mesocarpo, comestible, tanto fresco como confeitado, é rico en azucre, fibra, calcio e fósforo; e o endocarpo é duro, cilíndrico e cun suco lonxitudinal. Hai numerosas variedades, agrupadas en dous tipos básicos: os dátiles grandes, brancos e azucrados, e os pequenos, secos e con pouco azucre. Ten un excelente valor nutritivo e gran sabor. Existen diferentes variedades, entre as que se contan o Medjoul (grande, tenro e doce), o Deglet Nour (tenro e exquisito), o Dayri (de gosto acaramelado) e o Halawi (tenro e doce). Alimento básico dos habitantes da área sahariana e de Oriente Próximo, onde se considera medicinal e símbolo dos xustos, xa era importante na dieta da civilización sumeria. Utilízase en diferentes especialidades culinarias e reposteiras; un exemplo son os primores de Elx, fritura de dátiles envoltos nunha tira de touciño entrefebrado afumado. Logo de desecados e moídos, empréganse para obter fariña. Son a base alimentaria nos estados produtores, como Irán, Exipto, Arabia Saudí, Paquistán, Alxeria e Iraq.